A Xunta confirma ao BNG que non existen datas concretas nin previsións sobre a PLISAN
Carme Adán formulou unha pregunta sobre as razóns que manteñen paralizada a Plataforma Loxística e Industrial de Salvaterra-As Neves e o incumprimento da súa posta en marcha no ano 2013
A deputada do BNG, Carme Adán formulou hoxe unha pregunta na Comisión de Industria relativa á paralización da Plataforma Loxística e Industrial de Salvaterra- As neves, polo incumprimento da súa posta en marcha no ano 2013 e o anuncio de compra de 120.000 metros para o centro loxístico de Transportes para Vigo.
Pola súa parte, a directora xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGUS), Teresa Gutiérrez López afirmou que se están a valorar os proxectos mineiros pero a Xunta non manexa datas nin proxectos concretos sobre o desenvolvemento da Plisan.
A Xunta non baralla datas nin proxectos para a Plisan
Na quenda de réplica, a nacionalista criticou que o Goberno galego afirmara no ano 2011 ter os deberes feitos para que Mitsubischi puidera instalarse con todas as garantías xurídicas na Plisan e agora, segundo afirmou vostede, non hai ningunha garantía de nada.
A Plisan, remarcou Adán, é unha necesidade para o sur de Pontevedra pero converteuse no maior fiasco na dotación de solo industrial, empresarial e loxístico de Galiza cun importante investimento de fondos públicos a cargo de tres administracións gobernadas polo Partido popular.
A deputada denunciou o incumprimento do compromiso da Xunta anunciado en rolda de prensa sobre o inicio no ano 2014 da actividade na PLISAN, hoxe, xa nos confirmou que o Goberno non conta con ningún horizonte temporal sobre este asunto.
Unha extensión abandonada que semella unha paisaxe lunar, unha expropiación de terreos que non responde ao deseño inicial e un colectivo de veciños e veciñas que, a estas alturas, descoñecen que vai facer a Xunta nesa zona, esta é a realidade actual da PLISAN, concluíu a parlamentaria do BNG.