Vence insiste en sumar forzas arredor dun proxecto nacionalista de esquerdas para derrotar ao PP

“O BNG ten un proxecto claro para Galiza porque necesita unha alternativa ao PP que se vertebre en clave de país e en clave de defensa dos seus intereses fronte a calquera estratexia dunha forza política estatal. Todos aqueles que compartan estes criterios teñen a nosa man tendida, tivérona sempre e terana no futuro”.

O portavoz nacional, Xavier Vence, respondía así ás pregunta dos medios de comunicación sobre as declaracións do responsable de Anova, Martiño Noriega, nas que recriminaba ao BNG non prestarse a alianzas electorais con forzas políticas estatais.

Vence reiterou que a posición do Bloque pasa, efectivamente, por “sumar forzas” para erguer un proxecto político “nacionalista de esquerdas” que ofrecer á cidadanía para derrotar ao PP, sen pensar “en componendas internas, nin externas” senón con propostas “para sacar o país adiante e defendelo fronte as políticas que nos agreden desde Madrid e desde Bruxelas”.

O dirixente nacionalista asegurou que non tiña intención de “meterse” non asuntos internos de ningunha organización, pero si recomendou a Noriega que evite dar leccións de unidade ao BNG e comence por ser capaz de integrar na súa “propia casa”.

“Integrar diferentes forzas políticas require demostrar capacidade para xerar consensos e integración, e iso empeza pola propia casa”, sinalou Vence. “Tiña que ser capaz de non vetar a aquela parte da súa organización que quedou excluída dos órganos de dirección dando mostras dun espírito bastante pouco integrador”.

Vence insistiu que a clave para conformar alianzas está no proxecto que se lle ofrece ao país, e só a quen non ten proxecto “calquera tipo de alianza pode valerlle, aquí unha cousa, alí outra, un día unha cousa e outro día outra”. “Sen proxecto non hai futuro, non hai elementos nin pegamento que una ás persoas, nin aos grupos, nin as correntes dunha organización”, concluíu.