Tereixa Paz pide á Xunta que acate a resolución que anula a privatización dos parques de bombeiros
A parlamentaria do BNG xustificou a súa petición ante a anulación do Tribunal Administrativo Central das bases para a xestión indirecta dos Parques de bombeiros da provincia da Coruña
A deputada do BNG, Tereixa Paz apelou hoxe á decisión do Tribunal Administrativo Central de Recursos contractuais de anular as bases de licitación da xestión indirecta dos Parques Comarcais de bombeiros da provincia da Coruña, para solicitar que a Xunta reconsidere a súa política e mantemento privatizado deste servizo.
Tereixa Paz denuncia bases " ad hoc" para beneficiar ás concesionarias
Na súa intervención na comisión de Administración xeral, celebrada hoxe no Parlamento galego, a nacionalista lembrou que a resolución confirma as denuncias formuladas polo BNG e ás dos propios traballadores no sentido de que o concurso estaba dirixido claramente a manter o reparto da tarta entre as empresas. As bases explicou, apuntaban de maneira nidia á empresa adxudicataria.
Ademais disto engadiu, as bases contiñan cláusulas para colocar de coordinador de parques ao irmán do Consorcio provincial, que é un cargo designado e cun un salario que triplica ao do resto dos bombeiros. Un dos argumentos do Tribunal Administrativo para tombar o concurso foi a abusiva duración da adxudicación, que blindaría durante 16 anos ese suculento negocio á empresa.
O BNG, dixo, alegrase desta resolución porque aspira, na medida en que os galegos lle dean a capacidade de facelo, a rescatar este servizo para a prestación pública e non nos gustaría ter que facelo "pagando indemnizacións multimillonarias a ningunha empresa.
A deputada incidiu na existencia doutros argumentos da resolución que lle veñen dar a razón en que este servizo non deberá manterse privatizado, por un lado polo carácter de autoridade no exercicio da profesión dos bombeiros, que a lei reserva para os e as funcionarias, e tamén por argumentos de índole económica.
O Tribunal establece que non existe ningún tipo de risco empresarial por parte da empresa adxudicataria porque "o negocio é redondo, as infraestruturas, medios son pagados con cartos públicos, a empresa ten garantido o pago de máis de 55 millóns de euros con independencia dos seus gastos e dos traballos que realice, así que a empresa nada arrisca, só gaña". Para a deputada, todas estas circunstancias demostran que a privatización non é nin máis máis eficaz para prestar o servizo e por suposto tampouco máis barata, sentenciou.
A Xunta non confirma se manterá o concurso
Pola súa parte o Director Xeral de Emerxencias, Luís Menor, non deu resposta sobre a solución á situación tras ser coñecida a resolución nin tampouco sobre se a Xunta persistirá no concurso. Para a deputada, a resposta de Menor constata que o PP manterá a súa postura política para seguir regalándolle cartos a unha empresa pola privatización do servizo.