Tereixa Paz pide explicación a Medio Rural sobre o futuro dos montes veciñais
A deputada defendeu os montes veciñais como punto de partida cara un novo modelo forestal en Galiza xerador de riqueza e calidade e denunciou a intención de Medio Rural de privatizalos utilizando como escusa, "débedas inxustificadas e arbitarias"
Pleno. -A parlamentaria do BNG, Tereixa Paz levou hoxe ao Parlamento galego a situación actual e futuro dos montes veciñais a través dunha interpelación á conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana.
Na súa intervención, Paz reclamou utilizar os montes veciñais como punto de partida cara un novo modelo forestal baseado na ordenación preventiva dos montes, o seu aproveitamento multifuncional, as producións de calidade e xeración de riqueza para a veciñanza comuneira.
Tereixa Paz manifestou que o Goberno segue poñendo trabas e impedimentos ás comunidades de montes para expropiar os seus terreos e entregarllos a especuladores do monte. Neste sentido, a deputada esixiu unha explicación da conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana sobre a aplicación da Lei de Montes que obriga a pagar unhas supostas débedas antes de agosto de 2016 e no caso de non aboalas serán espoliados do dereito de xestión entregando o monte a empresas privadas.
Para a deputada, unha vez máis, a conselleira non foi quen de responder de maneira xustificada sobre as verdadeiras razóns dos cobros das presuntas débedas. Dende o BNG, dixo, reclamamos atender as demandas das Comunidades de Montes e que a rescisión dos convenios e convenios e consorcios sexa a custe cero porque, explicou, non todo é gasto, é investimento. Debemos axudar ás comunidades a xestionar e ordenar os seus montes e pódese facer, propuxo, restándollo aos máis de 100 millóns de euros que cada ano enterramos na extinción dos incendios.
Dende o BNG lamentamos que a Xunta de Galiza sega aferrándose á Lei de Montes cunha única prioridade, cobrar ás comunidades unhas cantidades difíciles de xustificar. O Goberno non fai públicos os datos de gastos e ingresos producidos nos últimos anos derivados de convenios e consorcios e esas cantidades que pretenden cobrar as comunidades son, a xuízo da nacionalista, arbitrarias.
A parlamentaria volveu defender o monte galego e a súa potencialidade cara un modelo forestal sostible e xerador de postos de traballo e riqueza, vostedes, machucaron os sectores produtivos galegos e os servizos públicos e agora queren facer o mesmo cos montes veciñais para privatizalos.