Tereixa Paz afirma que o abandono da corporación de Vilar de Santos "só beneficia ao Partido Popular
A cabeza de lista por Ourense cualificou de amortizado o anuncio por non ser a primeira vez que o fai o alcalde de Vilar de Santos e explicou que Xoán Xosé Jardón abandonou o BNG hai meses.
A candidata do BNG visitou hoxe Xinzo para participar nun reparto electoral acompañada por membros da candidatura nacionalista, institucionais e orgánicos.
A preguntas do xornalistas sobre o anuncio do alcalde de Vilar de Santos de abandonar o BNG, Tereixa Paz afirmou que hai meses que abandonou o seu cargo de deputado provincial e portavoz do BNG na Deputación, estaba apartado da vida interna, orgánica e participación no Bloque Nacionalista galego, polo tanto, este anuncio,afirmou, non é novo.
Anuncio amortizado
Para a nº 1 da candidatura nacionalista de Ourense, este anuncio está amortizado e dende a nosa posición, dixo, inxerímolo nunha campaña electoral errada que consiste en desgastar ao Bloque Nacionalista galego.
O anuncio de abandonar o BNG só beneficia ao PP
Tereixa Paz engadiu que dende Ourense, a única maneira de facerlle fronte ao Partido popular e as súas políticas lesivas é concentrar o voto no Bloque Nacionalista Galego por seren a única forza política con posibilidades, en termos electorais, de frear ao PP.
A candidata considerou que o reiterado anuncio do alcalde de Vilar de Santos de abandonar o BNG, só beneficia ao Partido Popular e insistiu en que é posible derrotar ao PP apoiando o 21 de Outubro ao Bloque Nacionalista galego.
Desleixo do PP polo do Patrimonio cultural de Xinzo
Na súa visita a esta localidade, a candidata do BNG defendeu a posta en valor do patrimonio cultural galego como motor de desenvolvemento económico, dende o BNG, manifestou, consideramos que Xinzo e a comarca da Limia posúen unha grande potencialidade no rico patrimonio cultural, arqueolóxico e histórico.
Neste sentido, denunciou o desleixo do Goberno galego polo Museo do Entroido da Limia que rematou as obras da primeira fase hai quince anos pero hoxendía non conta con ningún proxecto de musealización e polo tanto, séguense a desperdiciar as máis de sesenta máscaras diferentes da provincia.
Tereixa Paz explicou que o Partido popular comprometeu un investimento de 450.000 euros para rematar o centro pero só foron destinados 10.000 euros consignados pola Deputación de Ourense e cero euros, por parte da Xunta de Galiza.
Despois de 15 anos, dixo, o Museo do Entroido conta cunha lona no seu exterior informando das obras e colocada recentemente sen ningún escrúpulo porque estamos en período electoral, concluíu a cabeza de lista do BNG.