Sanidade, en resposta ao BNG, recoñece que o novo Hospital de Vigo é privado
En resposta a unha pregunta do BNG sobre a situación dos traballadores de mantemento do Meixoeiro formulada pola deputada, Carme Adán, a conselleira de Sanidade afirmou que dependerán da decisión da concesionaria do novo Hospital de Vigo
Pleno.- A parlamentaria do BNG, Carme Adán lamentou que unha vez máis, a conselleira de Sanidade defenda os intereses privados antes que os postos de traballo e a saúde dos pacientes.
Adán, lembrou que os traballadores e traballadoras de mantemento do Hospital Meixoeiro de Vigo iniciaron unha folga o pasado 17 de novembro, tras coñecer pola prensa que os seus postos de traballo poden desaparecer pola reestruturación da área sanitaria de Vigo.
Os traballadores/as afectados presentes no debate parlamentario
A parlamentaria deu a benvida a unha representación dos traballadores que seguían o debate dende a tribuna pública da Cámara galega e comunicou á conselleira de Sanidade que a súa resposta tamén chegaría ao resto dos traballadores concentrados nas inmediacións do Parlamento.
A nacionalista explicou que algúns dos afectados levan ata 25 anos traballando no servizo de mantemento do Hospital Meixoeiro de Vigo e acusou a Rocio Mosquera do posible risco que poden correr os pacientes por unha folga lexitima dos traballadores. Cómo vai a garantir a consellería de Sanidade estes postos de traballo ou existe algún interese que descoñecemos para non mantelos polos seus compromisos coas empresas adxudicatarias do novo Hospital de Vigo preguntou a nacionalista.
Rocio Mosquera fala de despidos e as bancadas do PP aplauden á conselleira.
Carme Adán lembrou que o Partido popular vigués apoiou aos traballadores e traballadoras polo que volveu a preguntar á titular de Sanidade qué vai facer cos postos de traballo de mantemento industrial ante o peche de quirófanos ou problemas cos afectados por un tratamento de diálise, porque a responsabilidade, recalcou, é súa non do colectivo que exerce o dereito lexitimo de folga.
A conselleira afirmou que non son empregados do Servizo de Saúde porque pertencen a unha empresa externa e cando se poña en marcha o futuro hospital de Vigo, Álvaro Cunqueiro, de próxima inauguración, a nova concesionaria do Hospital asumirá o seu mantemento pero non o do Meixoeiro nin do Nicolás Peña. O persoal dependente do Servizo Galego de Saúde, engadiu Mosquera, pasará a desenvolver o mantemento do Meixoeiro de Nicolás Peña porque non imos duplicar o persoal.
Na quenda de réplica, a nacionalista asegurou que as palabras da conselleira confirman que o novo Hospital de Vigo é privado e a maiores, dixo, tamén nos ven de confirmar que os traballadores do SERGAS dependerán da concesionaria, esa empresa que vai ter un 8% de beneficios empresariais.
Na súa resposta, vostede mostrou unha grande insensibilidade coas 45 persoas ás que lle acaba de confirmar que nin sequera van ter a mínima posibilidade de conservar o seu posto de traballo porque, segundo as súas propias palabras, remarcou Adán, non sabemos o que vai pasar coa concesionaria do novo Hospital de Vigo, hospital que todos os galegos e galegas imos pagar durante anos.
A parlamentaria lamentou que mentres a conselleira confirmaba a falta de compromisos para garantir os postos de traballo, as bancadas do Partido popular aplaudiran a intervención da titular de Sanidade.