Rosana Pérez pide a comparecencia de Ana Pastor por acordar novas subas de peaxes na AP-9
Ademáis, quer que Ana Pastor explique se realizou algunha xestión diante da concesionaria AUDASA para que aprobe un Programa de Descontos para a AP-9, e para que diga se exixiu á concesionaria a prestación dun servizo óptimo.
O BNG ten pendentes de debate dúas proposicións sobre a AP-9
A deputada do BNG ten rexistradas dúas proposicións non de lei relativas á AP-9: unha sobre a necesidade de aprobar canto antes un programa de descontos da AP-9, e outra relativa á necesidade de exixir á AUDASA a mellora do servizo da AP-9.
Rosana Pérez lembra que o Congreso aprobou en marzo de 2011 unha proposición non de lei do BNG cando gobernaba o anterior Goberno e que contou cos votos favorábeis do actual partido no Goberno, e na que instábamos a Fomento a realizar as xestións necesarias ante AUDASA para aprobar un programa de descontos a similitude do que ofrecen outras concesionarias.
A deputada do BNG ten pendente de debate unha nova proposición na que insta ao Ministerio a iniciar de imediato un proceso negociador coa concesionaria a fin de que ofreza aos usuarios un Programa de Descontos.
Son inconcebíbeis máis aumentos
Máis, á luz dos feitos, nen o anterior Goberno nen o actual fixeron nada para que a AP-9 conte cuns descontos como os que se aplican noutras autoestradas. A deputada do BNG critica que a Ministra de Fomento vaia aprobar máis subas a partir de xaneiro de 2013 cando xa neste ano encareceu significativamente as peaxes. Será o cuarto incremento nos prezos das peaxes nun ano, unha auténtica barbaridade.
O prezo da peaxe entre Vigo e A Coruña é desmesurado. Actualmente o traxecto entre ambas cidades se sitúa en 14,35 euros e co aumento de xaneiro de 2013 pode pasar a custar máis de 15 euros, advirte. Para a deputada do BNG é inconcebíbel que a Ministra de Fomento siga aprobando subas e subas de peaxes nunha autoestrada que resulta xa prohibitiva, circunstancia que está desviando moito tráfico a antigas estradas moi deterioradas e que non constitúen alternativas no seu estado actual.
Por riba, denuncia Rosana Pérez, a AP-9 é a única autoestrada que non conta cun programa de descontos que axudaría aos sectores sociais máis desfavorecidos, e aos usuarios habituais que deben transitar por ela varias veces ao día por motivos laborais.
Ademáis, a deputada nacionalista pón de manifesto que AUDASA non da un servizo acorde aos desmesurados prezos de peaxes que cobra. Así le lembra os significativos bloqueos e atascos producidos nas cabinas de cobro da AP-9 este verán que suscitou innumerábeis protestas da cidadanía. Neste sentido, a deputada do BNG ten pendente de debate unha proposición non de lei que insta ao Goberno a demandar a AUDASA o levantamento das barreiras das cabinas de cobro cando se produzan situacións de atascos e a exixirlle a prestación dun servizo eficaz e de calidade.