Rosana Pérez considera "incríbel que a Ministra de Fomento manteña no posto ao Presidente de Adif"

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, solicitou a comparecencia da Ministra de Fomento para que aclare en sede parlamentar que sistemas de seguranza se contemplaban no proxecto de construcción do tramo de alta velocidade Ourense-Santiago e que sistemas se instalaron finalmente.

Rosana Pérez tamén formula a Fomento unha batería de preguntas en relación ás noticias coñecidas a raiz do proceso xudicial en marcha e nas que se evidencia que Adif rebaixou a seguranza nesta conexión ferroviaria pola aplicación de recortes económicos. Por iso, pregúntase “como é posíbel que a Ministra de Fomento aínda manteña no seu posto ao Presidente de Adif”.

“O proceso xudicial aberto polo tráxico accidente de Angrois do 24 de xullo, está aportando unha serie de dados que levan a centrar as causas na rebaixa dos sistemas de seguranza”, sinala a deputada do BNG. Para Rosana Pérez cada vez “é máis patente que Adif seguiu unha estratexia de aforro no sistema de seguranza onde se accidentou o Alvia”.

Incluso o xuiz vai máis lonxe e chega a afirmar que o cambio do ERTMS polo ASFA “parece ter a súa orixe na política de investimento do Adif” e alude a un plan de reducción de custes.

A deputada do BNG menciona a xunta realizada en xullo de 2010, entre Adif e as empresas encargadas da seguranza e sinalización da liña Ourense-Santiago. Un encontro no que Adif pediu ás empresas unha avaliación económica pola reducción do sistema de seguranza. Lembra que o informe reducía o orzamento en 26,6 millóns, case o 20% dos 135 millóns cos que foi adxudicado.

O BNG formula unha batería de preguntas e pide responsabilidades

Rosana Pérez recalca que este estudo para reducir o gasto contemplaba, entre outros axustes, unha reducción do número se sinais, circuitos de vías e balizas, a rebaixa na rede de cabos de sinalización e ERTMS, así como a diminución de probas para a súa posta en funcionamento.

Para a deputada do BNG, todos estes datos revelan que “está claro que se tomou a decisión de substituir o sistema de seguranza máis avanzado, o ERTMS, polo ASFA. Polo tanto, é lóxico que todo o mundo se pregunte se o accidente se podería ter evitado de ter operativo o ERTMS”.

Ademáis, sinala Rosana Pérez, a responsabilidade de definir as velocidades máximas na zona foi do Adif, e lembra que na curva onde se produciu o fatal accidente que provocou a morte de 79 persoas, o maquinista tiña que pasar en pouca distanza de 200 km por hora a 80.

A deputada do BNG puxo de manifesto que en numerosas ocasións, o BNG nas súas iniciativas parlamentares e nas comparecencias da Ministra e altos cargos, requeriu o proxecto de construcción do trazado para coñecer os sistemas de seguranza contemplados. “Pero continuamos sen receber esa información”. Rosana Pérez tamén indica que os feitos relatados dan máis “forza á demanda do BNG de aprobar unha comisión de investigación que a Mesa do Congreso rexeita cada semana”.

Por estas razóns, a deputada do BNG formula unha batería de preguntas ao Ministerio: “Aprobou Adif o cambio de sistema de seguranza programado para a conexión Ourense-Santiago para aforrar? Cando? Cre que en cuestións de seguranza se poden seguer criterios puramente economicistas? Non é xa evidente que se rebaixou o sistema de seguranza? Non debería Adif asumir as súas responsabilidades por ter rebaixado os sistemas de seguranza no tramo Ourense-Santiago?”.