Rodas: En vez de ir a Bruxelas a facer unha foto, reúnanse co sector do xeito
O deputado reprochou ao Partido popular non exercer o autogoberno para desenvolver as competencias exclusivas en materia de pesca
O deputado do BNG, Daniel Rodas defendeu hoxe na Comisión de Pesca instar ao Goberno galego reclamar ante o Goberno español e a Unión europea as competencias exclusivas de Galiza en materia de pesca.
Na intervención, Rodas recomendou ao Partido popular deixar as políticas de propaganda e asumir os problemas reais, vostedes, dixo, deberían reunirse máis co sector e abandonar a política de xestos como a que fixo Feijóo en Bruxelas a onde foi só para sacar unha foto cando o problema do xeito xa fora tratado a través dunha representación do sector do xeito convidada ao Parlamento europeo pola portavoz do BNG, Ana Miranda.
Dende o BNG, afirmou aspiramos a ter maiores competencias e hoxe o que pedimos é que o Goberno galego as exerza en augas interiores outorgadas polo Estatuto de Autonomía e a propia Constitución e nin sequera esas queren defender.
Neste sentido, explicou que coa normativa estatal sobre o Plan xeral da sardiña, o xeito podía estar traballando co normalidade diferenciando as artes tradicionais das industrias, defendemos o espazo galego de libre decisión e a pesar de que a U.E ten competencias en recursos existen determinadas pesquerías que co reparto blindado quedamos fora. Hai oito anos pescábanse 8.000 quilos ao día e hoxe hai barcos aos que lle asignan entre 4.000 e 5.000 para toda a temporada, esta é unha situación dramática para nós.
Rodas tamén aludiu ás competencias do Estado español nas que produto das negociacións, a Comunidade andaluza consigue o 99% da cota do bocareo e na negociación da xarda o País vasco obtén unha cota do 50% da cota que lle corresponde ao cerco galego. A xunta, mentres tanto só ten un proxecto para a pesca galega, afirmou, abrir a porta para o desguace e animar aos traballadores do mar a buscar a vida noutra actividade.
Pola súa parte, o portavoz do PP, Gonzalo Trenor xustificou o voto en contra á iniciativa parlamentaria argumentando que a Xunta xa está a facer a defensa das competencias no ámbito político e xudicial e alí onde sexa necesario
Rodas criticou o descoñecemento do portavoz popular sobre os verdadeiros problemas do sector polo que lle recomendou ao PP que baixen á terra e asistan ás reunións do sector do xeito, en troques de ir a Bruxelas a facer unha foto.