Rodas reclama medidas contra a mortaldade do berberecho
A través dunha pregunta parlamentaria á titular de Mar, o nacionalista demandou medidas urxentes contra a mortaldade deste bivalvo que está a provocar graves perdidas económicas ao marisqueo a pe e a flote
Pleno.- Na súa intervención, o deputado do BNG, Daniel Rodas asegurou que a mortaldade do berberecho na ría de Arousa, Pontevedra e Cedeira provocou os peores resultados de captura da última década, na ría de Arousa de 2.600 Tn no ano 2008 a 350 no 2012, e 112 no 2013 que evidencian o desleixo e falta de previsión da consellería ante o que cualificou de situación alarmante para o sector do marisqueo a pe e a flote.
Rodas engadiu que esta circunstancia produce unha caída de ingresos que segundo a propia consellería ascenden 476,6 euros ao mes no marisqueo a pe e 442,83 no marisqueo a flote con dous tripulantes.
O parlamentario reclamou medidas para paliar a perda do recurso e diminución de ingresos do sector. Asemade, lembrou que esta situación non é nova e a consellería, a día de hoxe, nin informa das razón polas que se produce nin pon en marcha medidas para resolvela tendo en conta que estamos ante o inicio da campaña marisqueira.
Rodas acusou a Rosa Quintana de estar desaparecida e de mentir sobre as reunións mantidas con todo o sector, Sra. conselleira, dixo, vostede non pode seguir enganando ás e aos mariscadores ,vostede debe tomar decisións urxentes que resolvan esta situación.
Por outra parte, o nacionalista tamén criticou que a conselleira declarara publicamente que nesta campaña o berberecho foi recuperado, en certa medida cando en realidade, afirmou o nacionalista, o sector denunciou que este ano non vai a ver berberecho nos lombos do Ulla.
Finalmente, o deputado lamentou que a conselleira Rosa Quintana non formulara un compromiso explícito, na sesión plenaria, para poñer en marcha de maneira urxente medidas destinadas a recuperar esta especie nin a resolver a redución de ingresos dos e das mariscadoras.