Rodas insta a Mar a aplicar un modelo de regulación de embarcacións acorde á realidade galega
O portavoz de Pesca do BNG, Daniel Rodas formulou unha pregunta en comisión parlamentaria sobre as medidas que vai adoptar a Xunta contra a normativa do Estado español para regularizar o rexistro das embarcacións de pesca
O deputado nacionalista, Daniel Rodas formulou hoxe unha pregunta na Comisión de Pesca celebrada no Parlamento galego, sobre o actual proceso de regulación das embarcacións pesqueiras en Galiza, número de embarcacións afectadas e medidas emprendidas polo Goberno da Xunta ante o Goberno central, nesta materia para defender o sector.
Na súa intervención, o parlamentario do BNG instou á Consellería de Mar a plantexar unha nova regulación das embarcacións acorde á realidade galega.
A regularización non recoñece a singularidade galega
Rodas explicou que as diferentes regularización de embarcacións levadas a cabo polo Estado español, seguindo directrices da UE dende o ano 1999, non recoñecen a singularidade da flota artesanal galega e a día de hoxe, máis de 500 embarcacións encóntranse desreguladas, coa ameaza de causar baixa no Censo de Flota Operativo e no Rexistro de embarcacións e empresas navieiras.
As embarcacións galegas caracterízanse por ser de pequeno porte, dixo, e desenvolver a súa actividade suxeita á regulamentación autonómica dentro de plans ordenados, con control de artes, especies e topes de capturas e a mellora nas condicións de vida e seguridade non supón ningún aumento do esforzo pesqueiro.
O Partido Popular segue a manter o criterio para regularizar ditas embarcacións polo que resulta necesario a aportación de baixas, para o parlamento isto representa, eliminar outras embarcacións xa regulamentadas.
Galiza non pode seguir desguazando embarcacións
Dende o BNG, manifestou, consideramos que Galiza non pode renunciar a máis embarcacións porque somos o país de toda UE que máis embarcacións ten desguazado nos últimos anos e volveu a instar á Xunta a paralizar o actual modelo de regularización e desenvolver outro de acordo á realidade galega.
Para o nacionalista, no novo acordo debe figurar que son embarcacións menores, desenvolven actividades reguladas e non supoñen aumento de esforzo pesqueiro.
Rodas concluíu a súa primeira intervención asegurando que a flota artesanal crea emprego e a súa actividade mantén o sustento de boa parte das familias que viven no litoral polo que cumpre regularizalas de acordo as súas condicións reais.
Pola súa parte, o director xeral de competitividade e Innovación, Juan Carlos Maneiro respondeu ao deputado do BNG que na actualidade existen 1.116 embarcacións por rexistrar das que 266 non necesitaron presentar baixa.
A Consellería négase a introducir novos criterios para regular as embarcacións
Na quenda de réplica, o deputado reiterou que a Consellería de Pesca ten a información necesaria sobre as embarcacións, actividade, tipo de arte e especie que poden capturar polo que non existe ningún problema para a súa regulación e criticou que sexa o Estado o que se faga cargo para normalizar esta situación . O ministro,dixo, mudou un artigo para facer unha nova cafrada, e xustificar que as embarcacións que se dedican ao percebe entren na cuarta lista para embarcacións auxiliares de acuicultura.
Na opinión do nacionalista, a nova normativa introduce unha vía para desregularizar e obrigar aos propietarios das embarcacións de pequeno tamaño a depositar entre 10 e 20 mil euros para seren reguladas, nun momento de crise económica que afecta en grande medida a este sector, concluíu.