En resposta ao BNG, a Xunta responsabiliza os concellos do uso deficiente das depuradoras
Ana Pontón pediu rigor ao director de Augas de Galiza e non utilizar o Parlamento para repetir o discurso electoral do candidato do PP de Pontevedra
A deputada do BNG, Ana Pontón formulou hoxe unha pregunta na comisión de Medio Ambiente relativa o uso das depuradoras galegas con vertidos o mar e que medidas vai tomar a Xunta para solucionar as que manteñan un uso deficiente como reflicten os propios datos oficiais da Xunta.
Pola súa parte, o director de Augas de Galiza, Gonzalo Mosquera explicou que na actualidade existen 153 depuradoras en Galiza das que 68 verten ao litoral pero a intención da Xunta é seguir mellorando o seu uso polo que foron acometidas obras en seis delas, San Cibrao, Grove, Gandarío, Vigo, Pontevedra e Corme e afirmou que o saneamento das rías, é unha prioridade para o Goberno galego, sen embargo responsabilizou aos concellos do uso deficiente e dos problemas detectados nas depuradoras.
Na quenda de réplica, Pontón cualificou unha frivolidade a intervención de Mosquera tendo en conta que dende o ano 2013, a Xunta non auditou o funcionamento das depuradoras e lembroulle que a Xunta cobra unha taxa por saneamento como os 2 millóns cobrados aos concellos de Pontevedra no ano 2014. Asemade, dixo, tampouco me respondeu sobre a desinfección que se ten que producir no proceso de depuración e a propia Xunta recoñece que en dous terzos das depuradoras non funciona ben.
Dicir aquí que non hai ningún problema e reducir a cuestión a seis depuradoras resulta unha frivolidade e unha falta de respecto a esta institución, afirmou a parlamentaria.
Por outra parte, tamén criticou a modificación da Xunta sobre o proxecto de Marín que unifica nun só tubo, fecais e pluviais destinadas á depuradora de Praceres, vostedes saben que a contaminación de Pontevedra vai alén dese caso, recalcou.
A parlamentaria pediu rigor o director de Augas de Galiza e non repetir o discurso do candidato do Partido popular en Pontevedra polo que reclamou contar con datos reais sobre a xestión da Xunta no ámbito das depuradoras e preguntou se existe algún outro estudo, a parte do realizado no ano 2013.
Finalmente, a deputada pediu ao director de Augas de Galiza que informe sobre o que lle preguntan e que non exerza de axente electoral do Partido popular porque está na comisión de Medio Ambiente representando á Xunta de Galiza.