Protesta dos deputados do BNG no Parlamento
O último pleno do período de sesións da Cámara galega conclúe co ambiente moi caldeado pola intransixencia da presidenta da Cámara, Pilar Rojo, que negou a palabra á portavoz nacionalista, Ana Pontón, cando se dispuña a prantexar unha cuestión de orde e denunciar o veto do PP en Xunta de Portavoces ao debate de dúas Iniciativas Lexislativas Populares (ILP), da plataforma SOS Sanidade Pública e en defensa de Preescolar na casa.
Unha vez reanudado o pleno, Ana Pontón lembrou que, en base ao regulamento, aínda se podían incluir na orde do día as dúas ILP, "pois é básico que os cidadáns poidan expresarse con igualdade", mais a proposta finalmente foi rexeitada.
Pilar Rojo suspende a sesión e convoca de forma urxente e extraordinaria aos voceiros parlamentares a unha reunión no seu despacho
Os votos do PP, que volveron vetar estas Iniciativas dos cidadáns, si serviron, sen embargo, para sacar adiante a Lei de Vivenda e Lei de Montes, que consuman as políticas de favor aos promoteres e a rebaixa da política de prevención de incendios.
Lei de Montes
A portavoz de Agricultura e Montes do BNG, Tereixa Paz, defendeu as emendas presentadas contra o Proxecto de Lei de Montes de Galicia. Un proxecto, dixo, que crea caos territorial e abandona unha estratexia galega especifica nesta materia.
A nacionalista acusou ao Goberno galego de covardía política por ter eliminado importantes recursos contra os incendios forestais e criticou a aposta do Partido popular polos cultivos enerxéticos fronte unha segunda territorialización do monte galego como motor de desenvolvemento económico e a súa posta en valor.
O PP impide o consenso coa oposición
A parlamentaria do BNG salientou a negativa do Partido popular, á hora de acadar un consenso na elaboración da nova Lei de Montes, os sectarios son vostedes dixo e explicou que no Consello Forestal de Galiza houbo catro posicionamentos en contra a pesar de que o PP sega afirmando a boa disposición coa que foi aceptado o novo proxecto lexislativo.
Este goberno fixo obxeción de conciencia da lei contra incendios vixente até o de agora
Na súa intervención, Paz tamén aludiu á vulneración do Partido popular da Lei de Prevención de Incendios da que dixo, dende a chegada dos conservadores á Xunta de Galiza fixeron obxección de conciencia activa no cumprimento da Lei de Prevención e Defensa contra incendios forestais en Galiza.
Sobre a forestación de terras non agrarias, a deputada asegurou que na realidade, o Partido popular está a fomentar, a través de medidas lexislativas, a forestación de terras agrarias e criticou a derrogación dun artigo da Lei de Prevención de Incendios Forestais relativo á defensa dos solos urbanos e núcleos rurais, labradío, pastos, prados e cultivos, a partir de agora e coa aprobación da Lei de Montes, manifestou, estas zonas, con independencia da súa cualificación, poderán ser repoboadas.
O BNG buscou o acordo
A parlamentaria insistiu na falta de consenso do Partido popular para aceptar as emendas nacionalistas.
Neste sentido anunciou que o BNG estaría disposto a aceptar que figuren as Asociacións de Fomento Forestal na Lei a cambio de que o Partido popular contemple outros instrumentos de reordenacións da propiedade. Finalmente, esta proposta tamén foi desestimada polo grupo do Goberno.
Paz estendeu a negativa dos conservadores a aceptar outras emendas referidas á forestación de terras agrarias e o cumprimento da Lei de Prevención e Defensa contra incendios forestais que reduce os desbroces para protección de núcleos, de 100 metros a 50 e de 50 a 30 metros.
A deputada concluíu denunciando que os cambios na Lei contra incendios é rebaixada e elimina infraestruturas preventivas e rexeitou a Lei de Montes por non responder aos intereses nin potencial do monte galego como xerador de empreso e desenvolvemento económico.
Lei de Vivenda
Por outra parta, o BNG votou en contra da nova Lei de Vivenda de Galiza por tratarse dunha lexislación sesgada, ao servizo dos intereses dos promotores e da que desaparecen os principais aspectos sociais que contiña a lei vixente, moito máis completa e mellor formulada que a que hoxe sacou adiante o PP só cos seus votos.
O obxectivo real da lei é dar saída ao stock de vivendas baleiras de promotores e bancos, non garantir o dereito de todos os cidadáns a unha vivenda digna
A deputada nacionalista Isabel Sánchez lamentou que o grupo popular desaproveitara o último debate sobre esta lei e non tivera en conta ningunha das emendas de calado formuladas polo BNG, dirixidas especialmente ás familias que están sofrendo maiores dificultades para poder exercer o seu dereito a acceder a unha vivenda digna.
A parlamentar reiterou que o texto aprobado hoxe vai resultar inútil para resolver os problemas reais da vivenda en Galiza e insistiu en que está cheo de declaracións intencións.
Faltan compromisos e medidas efectivas engadiu- para aspectos tan importantes como o fomento do aluguer, a promoción da rehabilitación ou ter un parque de vivendas protexidas estable e de calidade.
Vivendas baleiras
Tal e como xa denunciara no debate de totalidade da Lei, a deputada nacionalista asegurou que o obxectivo real que agocha esta lei é dar saída ao stock de vivendas baleiras de bancos e promotores, que tamén se ven favorecidos por unha redución drástica das sancións por infracións e por unha serie de medidas que favorecen o incremento de condutas fraudulentas.
Isabel Sánchez salientou, das emendas presentadas polo BNG, a defensa do Fondo Social de Vivenda, como ferramenta fundamental para os colectivos máis desfavorecidos, financiado a cargo dos orzamentos da Xunta, e a regulación dun novo dereito, o da garantía económica de acceso ao unha vivenda.
Neste sentido, a parlamentar lembrou os problemas aos que se enfrontan as familias desafiuzadas e a necesidade que hai, por tanto, de lles ofrecer fórmulas que lles permitan seguir residindo nas súas casas ou cando menos ter acceso a unha vivenda digna.