A proposta de Rajoy para os concellos nega o pluripartismo para impoñer a ditadura da minoría

A proposta do presidente do PP, Mariano Rajoy, de “elección directa de alcalde” implica “a negación do pluripartidismo coa intención de impoñer a ditadura da minoría fronte á maioría social que vota nas urnas a forzas políticas que poden pactar entre elas para gobernar un concello con total lexitimidade”, en palabras do portavoz nacional, Xavier Vence.

“A lista máis votada pode ser minoría nunha cámara cunha pluralidade de partidos e entón, con que apoios vai gobernar un alcalde que estea en minoría na cámara municipal?”, pregúntase Vence, quen lembra que o réxime electoral español non é presidencialista.

“Son as cámaras lexislativas e municipais as que elixen quen ocupa a Presidencia e quen ocupa a Alcaldía, tamén a través de pactos democráticos e lexítimos entre diferentes forzas políticas. Sería inconcibible que o PP cambiase unilateralmente este principio en beneficio propio”, alegou.

“O democrático é que o Alcalde e o goberno do Concello conte co respaldo da maioría social, sexa esta expresada a través dun ou en varios partidos”, afonda Vence. “O voto dunha persoa ten o mesmo valor, tanto se vai a lista máis votada como se vai a outras opcións que sumadas constitúen unha maioría social”, recalca Vence, quen salienta que chegar a pactos “é unha práctica non só democrática senón politicamente saudable”.

Para o Bloque, a intención de Rajoy, que se apresurou “a bendicir” Feijóo desde Madrid no marco dunha conferencia na Fundación FAES, é un ataque á democracia municipal, no nivel máis próximo á veciñanza, xusto ao tempo que coa Reforma Local limitan as funcións e competencias dos propios concellos para reforzar as Deputacións, cuxa natureza é escasamente democrática.

“O PP propón esta reforma na Lei Electoral porque quere mudar as regras de xogo en beneficio propio para seguir no poder, cando sabe que perdeu o apoio da maioría social. Facer trampa para salvar a derrota segura do PP nas eleccións municipais de 2015”, denuncia Vence, quen ademais considera esta proposta un síntoma máis de que o sistema do bipartismo está superado pola realidade social, “pese as manobras do PP que intentan perpetualo á desesperada, que se suma a outras propostas igual de tramposas desde o punto de vista democrático, como é a redución do Parlamento galego”, conclúe