Prado a Mato: Os problemas de Galiza non son os dos seus amigos
A deputada pediu ao conselleira de Traballo e Benestar presentar a súa dimisión pola súa relación coa Operación Zeta e censurou que os orzamentos para o 2015 non prioricen a creación de emprego e servizos sociais básicos
A deputada do BNG, Montse Prado asegurou que os orzamentos presentados hoxe pola conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, non atenden as persoas desempregas e con dificultades. A deputada afirmou que os problemas de Galiza non son os problemas dos seus amigos, en alusión aos implicados na Operación Zeta contra a fraude dos cursos de formación, o problema real é a situación de emerxencia social na estamos.
Orzamentos alleos ás persoas paradas, mocidade, excluídos, persoas maiores e dependentes
A parlamentaria lembrou que 300.000 persoas están desempregadas en Galiza e os orzamentos presentados hoxe volven a ser papel mollado. Vostede, dixo, non tivo ningún pudor en rebaixar os orzamentos dende que é conselleira en máis dun 50% e que agora os suba un poquito non é suficiente nin é para presumir. Tampouco tivo pudor para excluír destes orzamentos a entidades e concellos que cumprían os requisitos mentres destinaba partidas a amigos para cursos de formación fantasma.
Os problemas reais do País, recalcou, non son os problemas dos seus amigos nin do Partido popular. Os problemas resólvense doutra maneira e nestas contas para o 2015, o Goberno galego segue sen dar alternativas.
A recuperación económica só está na propaganda do Partido popular
A brecha entre ricos e pobres está disparada, dende marzo do 2013 o patrimonio dos ricos medrou más de 600 millóns de dólares diarios, os sistemas tributarios son regresivos e vostedes negan que os ricos sexan máis ricos e os pobres máis pobres.
A deputada botou man de diferentes informes que denuncian que un de catro nenos vive baixo o umbral da pobreza e o emprego resulta cada vez más precario e temporal.
Prado negou que os orzamentos de Mato camiñen cara a recuperación económica , 120.000 mozos e mozas desaparecidas do mercado laboral e unha de cada tres persoas xa non cobra prestación, ningunha das súas medidas serven censurou a nacionalista.
O PP elimina os mecanismos de protección social e beneficia aos seus amigos
Vostedes rebaixaron os instrumentos de protección, miles de persoas seguen sen cobrar as indemnizacións e o PP en Galiza vota en contra de que o Estado se faga cargo, apoian a privatización das empresas para facerse cargo da formación, desmantelaron o servizo galego de colocación despedindo aos seus traballador@s, negan crear unha renda de reinserción laboral. A realidade fora, dixo, contrasta co que vostede intenta vendernos no Parlamento.
Porque sabemos da importancia dos orzamentos para o 2015, e despois do que vostede leva feito cos recursos públicos, preguntámonos se unha vez máis os orzamentos que hoxe nos presentan se van servir para beneficiar aos seus amigos e financiar o Partido popular.
A parlamentaria relatou a rebaixa en diversas partidas entre as que destacou ás destinadas a persoas maiores e censurou que a conselleira presumira de programas para xente nova que non son mérito do Goberno pois están sufragados por fondos da U.E, concluíu.