O PP tamén rexeita as emendas do BNG a Traballo, Medio Rural e Pesca

As propostas do BNG para incrementar as políticas de emprego, resolver a crise no sector lácteo e mellorar o salvamento marítimo son rexeitadas polo Partido popular

A portavoz de Traballo de BNG, Montse Prado defendeu hoxe ás emendas aos orzamentos da Consellería de Traballo e Benestar que neste exercicio recorta en máis do 40, 37% as súas contas.

A deputada denunciou que os orzamentos da Xunta para o 2013 “espremen aos que menos teñen, non recadan ingresos dos máis poderosos e apostan fielmente polos bancos”.

Na defensa das emendas, Prado reiterou que o Partido popular persiste en aplicar impostos para que “pague igual o que gana 2 que o que gana 2.000”, uns orzamentos, engadiu, ausentes da realidade galega, “300.000 persoas desempregadas, sectores produtivos en vías de extinción e os servizos públicos privatizados”.

A nacionalista considerou que as contas do Goberno do PP para o 2013 resultan “un fraude” para miles de desempregad@s en Galiza, para os máis débiles e vulnerables e mesmo para os traballadores e traballadoras da propia consellería afectados por un “ERE encuberto”.

Os recortes de 59 millóns de euros para empregabilidade, 26 millóns en intermediación laboral, en formación profesional para desempreg@s máis de 26 millóns, 10,5 millón en emprego autónomo, en total 137 millóns de euros nun momento da “grande inestabilidade laboral” e cunha previsión de aumento, resultan “un novo ataque” á cidadanía galega.

Montse Prado avogou por un “cambio de rumbo” nas políticas de emprego que incidan nas verdadeiras causas e consecuencias da crise económica. Nese sentido, ían as emendas do BNG e máis concretamente dirixidas aos máis novos polo que propuxo “un plan de emprego para a mocidade”.

Plans específicos para o sector naval de Ferrol e Vigo, programas para impulsar o emprego e contra os recortes antisociais centraron as emendas do BNG á Consellería de Traballo e Benestar.

Medio Rural e Pesca

Pola súa parte, a portavoz de Agricultura do BNG, Tereixa Paz tamén defendeu mudar os orzamentos de Medio e Rural e Pesca por considerar que responden “á propaganda” do Partido popular pero non resolven “nin a crise do sector lácteo, nin aos problemas do sector pesqueiro”.

Estes orzamentos, dixo, “non reactivan a economía galega” máis ben, dixo, “diminúe o noso produto interior bruto e incrementa o desemprego”.

Para o BNG, manifestou, esta consellería ten a responsabilidade de “impulsar un modelo produtivo que permita crear riqueza e emprego” pero os orzamentos que hoxe van ser aprobados, insisten “nos mesmos erros” que agravan a crise no sector agrario e no mar.

Perpetúan as “eivas estruturais” de moitas explotacións e a destrución do sector pesqueiro por iso, defendeu unha emenda de 17 millóns de euros detraídos da concesionaria para salvamento marítimo e destinalos ao servizo público porque “ este servizo privado cústanos aos galegos 4 millóns de euros máis”, afirmou.

Esta emenda quer poñerlle fin a “un política criminal” que supón máis orzamento para esta empresa e menos servizo para a cidadanía.

Paz tamén denunciou que o 60 por cento das traballadoras do mar a pe cobran menos do salario interprofesional e a Xunta segue apostando pola acuicultura en troques de apostar polo noso sector marisqueiro e pesqueiro.

Finalmente, a nacionalista propuxo mobilizar 64 millóns de euros para o medio rural para resolver a crise do sector lácteo, o problema demográfico, a incorporación de mozos e mozas e conseguir xerar de emprego neste ámbito.