O PP rexeita todas as emendas do BNG para aumentar as partidas en Educación
Cosme Pombo lamentou que unha vez máis o Partido popular sega no camiño dos recortes no ensino galego
O deputado do BNG, Cosme Pombo defendeu hoxe, en sede parlamentar, as emendas nacionalistas aos orzamentos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e lamentou que, unha vez máis, a maioría parlamentaria do Partido popular impedira que prosperaran.
As emendas do BNG, dixo, propuñan aumentar 700 millóns de euros en base aos ingresos dos que teñen máis recursos, máis patrimonio e os que máis contaminan, ingresos destinados a aumentar os orzamentos de Cultura e Educación.
O nacionalista criticou o entusiasmo do Partido popular á hora de defender un orzamento que cualificou de insuficientes e lembrou que o propio Comisario europeo de dereitos europeos na súa recente visita a Galiza advertiu dos resultados tralos recortes aplicados e que afectan gravemente á infancia que sofre as consecuencias ao perder o dereito á igualdade de oportunidades.
O ensino, dixo, sofre outra vez máis recortes novamente pero aínda así, o Partido popular está moi contento porque a súa intención é privatizalo, subvencionar os colexios segregadores, que a LONCE pretenda dar legalidade a uns centros que carecen de equidade e seguir reducindo medios e recursos en educación.
O parlamentario do BNG defendeu que o alumnado reciba a educación en centros adecuados e cos recursos necesarios para acadar a formación que precisan porque eles e elas son o futuro e os recortes o único que están a conseguir é a exclusión da educación ao alumnado con menos recursos.
O deputado, reiterou que os orzamentos para o ano 2014 son inxustos, antisociais e non serven para loitar contra o paro nin impulsan a recuperación económica e social de Galiza.
Cosme Pombo concluíu a súa intervención afirmando que os orzamentos do PP seguirán a traer máis paro e recesión económica e menos cultura, educación e Ordenación Universitaria.