O PP rexeita a prosposta do BNG para eliminar gastos de propaganda nos organismos públicos
Tereixa Paz lembrou que en resposta ao BNG, a Xunta confirmou un gasto de 25 millóns de euros en publicidade dende o ano 2012 e 15,3 millóns no Xacobeo 2010
Os votos en contra do Partido popular imposibilitaron que prospera a Proposición non de lei do BNG sobre a eliminación de todos os gastos de publicidade e propaganda contratados polos dos diferentes organismos e entidades públicas e que non sexan obrigatorios sobre a información de procesos públicos que así o requiran.
Na Comisión 1ª de Administración Xeral, a deputada do BNG, autora da proposición non de lei, Tereixa Paz afirmou que o o discurso ou relato de Feijóo e o seu Goberno sobre a austeridade a vista dos resultados resulta un fracaso.
O Goberno confunde publicidade con información institucional
A deputada denunciou os gastos superfluos e prescindíbeis sen relación directa para manter os servizos públicos e de atención ás persoas que máis o necesitan e requiriu do Partido popular, diferenciar claramente entre os gastos de publicidade e información institucional porque, na súa opinión, o Goberno galego confunde ambas.
Paz fixo referencia á resposta da Xunta de Galiza a unha pregunta formulada pola propia deputada do BNG, na que a Xunta recoñece gastos de publicidade dende o ano 2012 por valor de 25 millóns de euros aos sumou 15,3 millóns de euros en difusión do Xacobeo 2010.
Asemade, lembrou outra resposta na que a Consellería de Medio Ambiente e Territorio confirma no ano 2012 gastos en propaganda por 1.199.000 euros, a Secretaria Xeral de Cultura, 223.800 euros no mesmo período e a Cidade da Cultura 583.000 euros en programas e campañas que non se corresponden con estas institucións.
Campañas publicitarias contrarias á realidade
Sobre as campañas destacou a de Solidariedade contributiva para animar aos contribuíntes a pagar os impostos, non sei, dixo a deputada se estaban pensando en Barcenas ou nos beneficiarios da amnistía fiscal, outra en defensa dos valores do territorio cando a Xunta está a inzar de minas a ceo aberto o noso país e rematou con campañas que cualificou de propaganda pura e dura como a da difusión en materia de augas de Galiza coa que a Xunta negaba o canón da auga que agora estamos pagando e a campaña de Galiza competitiva e emprendemento nun sector no que, recalcou a Xunta ten recortado máis en I+D+i.
Tereixa Paz tamén denunciou a realización doutras campañas sobre a modernización da sanidade ou a minería das que dixo non hai nada que explicar despois do que está a facer o goberno galego coa privatización dos hospitais e os proxectos de novas minas.
A nacionalista criticou que os galegos e galegas padezamos o discurso do austericidio do Partido popular para despois de catro anos de relato dunha suposta eliminación de gastos non necesarios para o funcionamento da administración, constatemos que resultaron un absoluto fracaso .
Para Tereixa Paz, en cada novo orzamento son incrementados os gastos correntes en detrimento dos gastos de investimento o que demostra a todas luces que non existe a tan cacareada austeridade do Goberno galego.