O PP rexeita instar ao Goberno do Estado para parar novas centrais eléctricas no Miño-Sil
Ana Pontón criticou que Feijóo acuda a inauguración de minicentrais vendendo Galiza como a gran fabrica de luz do Estado e reclamou que o Goberno galego cumpra coa Lei de Protección dos ríos
A deputada do BNG, Ana Pontón defendeu hoxe na comisión unha Proposición non de lei que pedía a paralización de novos aproveitamentos hidroeléctricos na conca hidrográfica Miño-Sil.
O popular Daniel Varela coincidiu coa parlamentaria do BNG na sobreexplotación dos ríos galegos e lembrou que o acordo parlamentario aprobado na Cámara galega reclamaba paralizar as autorizacións de construción de novos aproveitamentos polo que introduciu unha emenda de engádega ao fin de reiterar o mencionado acordo, emenda que a deputada rexeitou por considerar que non recollía a totalidade da reclamación nacionalista.
Pola súa parte, a deputada remarcou que a conca do Miño-Sil rexistra un maior impacto de encoros, moitos deles promovidos polo franquismo. Na súa intervención, tamén salientou o grande labor das asociacións e movemento ecoloxista na loita contra o deterioro que producen estas instalacións nos ríos galegos, a primeira vez que se trata unha moratoria para as minicentrais, explicou, faise a través dunha Iniciativa Lexislativa Popular apoiada polo BNG e aprobada ao igual que a Lei de Protección dos ríos que desgraciadamente, dixo, o Goberno galego incumpre dunha maneira evidente.
Tras a intervención do portavoz popular, a deputada asegurou que a conca hidrográfica tampouco está a cumprir co acordo do Parlamento galego do ano 2011 e agora no 2014, comprobamos que seguen os trámites para novas autorizacións. Por outro lado, engadiu, as declaracións do Presidente da Xunta atentan contra o acordo aprobado na Cámara galega.
Pontón reclamou cumprir co acordo parlamentario para non se converteren nunha nova proclama baleira de contido. Hai que paralizar os novos aproveitamentos hidroeléctricos, e introducir unha modificación no Plan Hidrolóxico desa demarcación.
A Proposición non de lei defendida por Ana Pontón foi rexeitada polo Partido popular.