O PP rexeita auditar a licitación dos medios aéreos contra os incendios como reclamaba o BNG
A deputada, Tereixa Paz tamén reclamou introducir no Pladiga 2015 medidas concretas de colaboración cos concellos para a realización de tarefas preventivas nas franxas de protección dos núcleos rurais
A parlamentaria do BNG, Tereixa Paz defendeu onte, a última hora da tarde, unha moción pola que instaba ao Goberno galego a auditar os procesos de licitación da contratación dos medios aéreos de loita contra incendios así como as sucesivas prorrogas atendendo ás consideracións do Consello de Contas cara futuros procesos.
A parlamentaria tamén reclamou na súa intervención introducir no Pladiga 2015 medidas concretas e efectivas de colaboración cos concellos para realizar tarefas preventivas nas franxas de proteccións dos núcleos rurais.
A moción defendida pola nacionalista Tereixa Paz demandou dimensionar de maneira adecuada o dispositivo público coa cobertura de todas as prazas vacantes de funcionarios e funcionarias, persoal laboral fixo e fixo discontinuo, así como as baixas e ausencias que se produzan.
Asemade a parlamentaria reclamou dotar de inmediato as brigadas helitransportadas de persoal propio de helicópteros para que poidan incorporarse ao seu cometido.
Pola súa parte o deputado do PP, José Manuel Balseiro persistiu na manipulación dos datos, afirmando que hai unha practica total cobertura de vacantes, cando todo o mundo sabe, afirmou a deputada que hai moitas brigadas que non superan os 2 ou 3 dos 7 integrantes das que debería dispoñer.