O PP responde ao BNG que este ano non serán iniciadas as obras do Hospital do Salnés
Montse Prado acusa ao PP de enganar novamente á cidadanía do Salnés e incumprir os seus compromisos
Os investimentos de 6.125.780 euros contemplados nos Orzamentos non serán destinados a iniciar as obras do Hospital do Salnés segundo, confirmou a Xerente do Sergas, Nieves Domínguez na resposta á pregunta formulada pola portavoz de sanidade do BNG, Montse Prado en comisión.
A parlamentaria nacionalista lamentou que o PP incumpra os prazos de ampliación do hospital e considerou unha nova burla aos veciños e veciñas do Salnés esta falta de compromiso.
Prado indicou que os profesionais da sanidade levan anos demandando esta ampliación e unha vez máis o PP volve a dar as costas a esta reivindicación.
A deputada criticou que o propio Delegado da Provincia de Pontevedra, Cores Tourís se comprometera a iniciar as obras, cando en realidade, dixo, unha vez máis os compromisos do PP resultan ser papel mollado.
O BNG, dixo, mostra a súa sorpresa ante as afirmacións da Xerente do SERGAS que confirmou permanecer á espera de que a Comunidade do Salnés complete a documentación da cesión da parcela para esta ampliación o que evidencia, manifestou, que a Xunta non deu ningún paso para efectivizar as obras.