O PP racha os consensos parlamentares para iniciar reformas de calado como a Lei do Valedor
O PP sentou un grave precedente esta mañá no Parlamento configurando unha orde do día de pleno extraordinario da que ficaron fóra as propostas dos grupos da oposición e na que presentaron dúas proposicións de lei sobre reformas de calado que deberan chegar ao debate por consenso, non "de parte" da forza maioritaria.
Suárez Canal advertiu que con esta tramitación se senta un grave precedente na Cámara, pois o Valedor do Pobo é un comisionado do Parlamento e por iso calquera modificación da súa regulación debera partir do consenso de todos os grupos.
O PP tenta dilatar a renovación do Valedor e tras a disculpa da austeridade agacha un intento de gubernamentalizar a institución
Neste sentido, o deputado nacionalista asegurou que o PP negou en todo momento esta posibilidade e rexeitou as reunións propostas polo BNG para abordar este asunto e tentar redactar unha iniciativa conxunta.
Interinidade e falsa austeridade
Para o parlamentar do BNG, fica claro, por tanto, que elixir este mecanismo de tramitación demostra que o goberno e o PP están cómodos na situación de interinidade que se produciu trala dimisión de Benigno López, e agocha intereses que nada teñen a ver co aforro e a eficiencia da institución.
Sobre a situación de interinidade, Suárez Canal salientou que mantela significa incumprir a lei, pois esta fixa o prazo máximo dun mes dende que se produce a vacante para iniciar o proceso de renovación, proceso que o BNG tentou pór en marcha pero que o PP rexeitou.
Sobre o obxectivo dun suposto aforro no funcionamento da institución, eliminando a figura dos tres vicevaledores e sustintuíndoos pola figura dun adxunto, o deputado nacionalista asegurou que non é un argumento críbel porque a lei vixente xa permite reducir de 3 a 1 os vicevaledores, só faría falta consenso político.
Perfil gubernamental
Suárez Canal considera que o que realmente se persigue con esta medida é degradar a figura do Valedor e gubernamentalizala, pois o perfil que se define para esa nova figura de adxunto é a dun secretario xeral.
O parlamentar nacionalista lembrou que o Valedor é unha institución que fai de contrapunto á acción de goberno, é fundamental para garantir os dereitos colectivos dos cidadáns, como pobo, e os individuais dos máis débiles, por iso urxe recuperar o seu prestixio e que manteña a súa independencia, non degradala a través dun sesgo gubernamental, concluiu.
Regulamento do Parlamento
Se no caso do Valedor a decisión final do BNG na votación foi a abstención, no caso da reforma do regulamento
A deputada nacionalista Tereixa Paz, encargada de defender a postura do BNG neste debate, explicou que non se trata de restarlle importancia ao avance na igualdade que supón abordar o punto concreto do voto, pero considerou que cómpre avanzar tamén noutros aspectos.
Maior democratización
Neste sentido, puxo como exemplo a necesidade de introducir unha maior democratización do Parlamento, de tal xeito que todos os grupos sexan iguais á hora de poder tramitar todo tipo de iniciativas e teñan maior capacidade para facer seguimento dos acordos adoptados na Cámara.
Tereixa Paz afirmou que este tipo de mudanzas, non obstantes, deberían ser froito dunha ponencia conxunta, non debatirse a posteriori, no desenvolvemento ordinario dunha proposición de lei de parte, neste caso do PP, por ser grupo maioritario.
O voto do BNG non é un cheque en branco, hai que preservar a igualdade entre homes e mulleres e o voto telemático, non por delegación
Este modo de operar do PP lamentou- non é novo, acabamos de comprobalo no debate anterior, da reforma da lei do Valedor, e semella forma parte do ADN do Partido Popular, pois na reforma do regulamento de 2003, o procedimento elixido tamén foi o dunha proposición de lei unilateral por parte do PP.
Para a parlamentar nacionalista, cómpre lembrar como na lexislatura pasada houbo un intento de mudar as cousas, a través dunha ponencia conxunta creada en 2008, que tiña como obxecto abordar cambios de carácter global, incluidos o do voto.
Igualdade real
Sobre este aspecto concreto, Tereixa Paz anunciou que o voto do BNG non é un cheque en branco, senón que está condicionado a que se preserve que a igualdade sexa real para homes e mulleres, que non se asocie só a baixa de maternidade ás nais, e ao final o que tiña que ser un avance en igualdade se acabe convertindo nunha discriminación, neste caso para os pais, e na consolidación dun papel das mulleres relegado ao coidado dos fillos.
Asemade, o BNG tamén discrepa coa proposta do PP en que o voto sexa por delegación e defenderá que se aproveiten as fórmulas telemáticas, para así non menoscabar as obrigas de voto persoal e indelegábel que van intrínsecas á condición de deputados/deputadas.