O PP non retira a sanción ao gandeiro cuxa vaca deixou bosta nunha pista rural
Tereixa Paz dixo que se en vez dunha vaca fora un touro para unha corrida á que asistira Mariano Rajoy non pasaría nada
A parlamentaria do BNG, Tereixa Paz reclamou hoxe paralizar a sanción a un veciño da parroquia rural de Enfesta ao que lle foi aplicada a ordenanza municipal de Residuos do concello de Santiago de Compostela.
Os feitos aconteceron o pasado verán cando un gandeiro foi sancionado polas deposicións das súas vacas nas pistas da concentración parcelaria da aldea de Enfesta onde está ubicada a súa explotación gandeira, 750 euros segundo a ordenanza municipal de animais domésticos do concello de Santiago.
Nas últimas semanas, explicou a deputada, o gandeiro recibiu unha nova notificación con outra sanción polos mesmos feitos. En opinión da nacionalista, resulta unha clara persecución contra este gandeiro e a súa actividade profesional.
A parlamentaria tamén recriminou que as administracións amparen o abuso de poder por parte do denunciante que é policía local no concello de Santiago e pretende dirimir con estas denuncias a súa zunia persoal contra este gandeiro.
Tereixa Paz considerou que a aplicación da ordenanza municipal, urbanícola, criminaliza os gandeiros cuxas vacas teñen o habito de deixar bostas polo camiño. Para a deputada, a preocupación do consello debería centrarse na presunta corrupción municipal e non en perseguir a quen só pretende vivir do seu traballo.
A parlamentaria lamentou o voto en contra do Partido popular a retirar a sanción e asegurou que no caso de ser un touro de lidia destinado a participar nunha corrida para deleite de Rajoy, Feijóo e Pachi Lucas seguramente non habería sanción aínda que os excrementos foran depositados na praza do Obradoiro.