O PP négase a pactar unha declaración institucional para pedir o indulto dos sindicalistas
Carme Adán amosou o seu estupor ante a verdadeira cara do PP ao negarse a pactar unha declaración institucional de mínimos
A oposición no Parlamento galego manifestou hoxe a súa protesta ante a negativa do Partido popular a pactar unha declaración institucional para pedir ao Goberno do Estado o indulto dos sindicalistas galegos, Carlos Rivas e Serafín Rodríguez.
Para a parlamentaria do BNG, o Goberno galego debería pedir o indulto dos sindicalistas porque foron condenados por defender o seu posto de traballo e o seu ingreso no cárcere provocará un grave prexuízo, deterioro e inestabilidade familiar.
A deputada do BNG, Carme Adán, xunto ás parlamentarias de AGE, Consuelo Martínez e PSdG-Psoe, Carme Gallego lamentaron a negativa do grupo maioritario a pactar a declaración institucional así como a falta de corazón do PP por non poñerse ao lado dos sindicalistas que foron condenados por participar nun piquete informativo no ano 2008.