O PP impide anular os expedientes de Facenda a emigrantes galeg@s retornad@s
Tereixa Paz solicitaba instar ao Goberno central a anulación dos expedientes e iniciar unha campaña informativa sobre obrigas tributarias, obviando os exercicios entre o 2008 e 2012
Pleno.- O BNG defendeu hoxe, a través da súa deputada, Tereixa Paz, anular os expedientes sancionadores instruídos pola Axencia Tributaria aos beneficiarios galegos e galegas de pensións no estranxeiro que non tributaron polas devanditas cantidades a partir do ano 2008, apelando ao descoñecemento de tal obriga por parte d@s afectad@s.
Na súa intervención, Tereixa Paz deixo claro que o BNG non pretendía rachar o acordo parlamentario acadado na anterior sesión plenaria pero si melloralo porque para as persoas afectadas, este acordo é de mínimos e redúcese ao envío de dúas cartas ao ministro Montoro e ao Responsable da Axencia Tributaria.
Paz insistiu en que a intención de Facenda foi de tipo recadador e apoiada pola decisión política de comezar por Galiza, por aquí, dixo, é onde a vaca pode dar máis leite para a Axencia Tributaria.
A parlamentaria denunciou que dentro desa decisión política non se contemplaba ir ao nicho da fraude fiscal nun 71, 8 por cento das grandes fortunas e corporacións empresarias, vostedes, dixo, decidiron ir ao 2,6 por cento da fraude fiscal.
Equidade horizontal do PP para grandes defraudadores
A nacionalista lamentou que, unha vez máis, o Partido popular se ampare no principio de equidade para que os xubilados retornados paguen igual que calquera. Para a nacionalista, o PP debería tamén ter en conta o principio de xustiza social e explicou que o PP aplica o principio de equidade de maneira horizontal aceptando amnistías fiscais que permiten que grandes defraudadores regularicen as súas contas ocultas pagando un 8 por cento.
Tereixa Paz concluíu a súa intervención enfrontando o proceder do Partido popular ante o fraude fiscal das grandes fortunas, coa obriga dos pensionistas retornados con pensións de 1.100 euros ao mes que deben pagar 1.300 euros na declaración da renda.