O PP creará a Axencia Galega para a Xestión e Coñecemento da saúde, a pesar da falta de consenso

Montse Prado lamentou a decisión e  pediu ao PP “non seguir adiante” cun Decreto que crea máis inestabilidade laboral os investigador@s e non conta co apoio necesario das organizacións implicadas

 A deputada Montse Prado lamentou hoxe o voto en contra do Partido popular á Proposición non de lei do BNG que pedía a retirada do borrador de decreto para a creación da Axencia Galega para a Xestión e Coñecemento da saúde e que non conta co “acordo de ninguén”.

Todas as organizacións da Mesa sectorial, explicou Prado, rexeitaron unanimemente o borrador alegando que “ resulta imprescindíbel garantir a estabilidade laboral dos investigador@s tras superar o proceso de acceso ao sistema” e poder realizar a súa actividade nunhas “mínimas condicións” e non baixo a decisión da Administración para formalizar os contratos de maneira precaria e que provoca o descoñecendo dos medios e tempos contractuais dos que van dispoñer os investigador@s.

Dende o BNG, dixo, pedimos a retirada do borrador por que non conta co apoio necesario e consolida o “nepotismo” legalizando a designación a dedo.

A sociedade galega está a pedir transparencia, engadiu, e vostedes empéñanse en presentar un borrador do que se descoñece incluso á persoa que ocupará a dirección deste organismo.

Pola súa parte, a portavoz do PP, Marta Rodríguez Vispo anunciou o voto en contra á iniciativa do BNG e salientou que o borrador segue aberto a recoller suxerencias no seu trámite parlamentario ao que a nacionalista replicou que o borrador, “a pesar de non contar coas condicións necesarias”, será aprobado pola maioría do Partido popular polo que volveu solicitar a súa retirada e a elaboración dun novo texto, tras falar con todos os implicad@s, “isto, dixo, é o único que pedimos”, concluíu.