Porque aínda hai tempo, o BNG reclama a Medio Rural reorientar a campaña contra os incendios
Tereixa Paz defendeu unha Proposición non de lei ao fin de adiantar a planificación da campaña
A deputada Tereixa paz defendeu hoxe na Comisión de Agricultura unha Proposición non de lei que foi rexeitada polo Partido popular na que reclamaba da Consellería de Medio Rural agora que está a tempo,reorientar o dispositivo de loita contra os incendios forestais.
A parlamentaria solicitaba na iniciativa adiantar a planificación da campaña para que non acontecese o mesmo que na campaña anterior de retraso e improvisación a súa implantación, pero sobre todo que a súa definición se realice acorde cos datos históricos de incendios e polo tanto das necesidades e baixo o criterio de manter o dispositivo dentro do ámbito da Xunta e da xestión pública.
Puxo como exemplo que na pasada campaña se eliminasen as brigadas helitransportadas do Barco e de Portomarín cando iso implica deixar sen cobertura comarcas nas que se producen con reiteración incendios forestais, mesmo en montes integrados na Rede Natura. No que vai de ano,dixo, malia a alta pluviosidade, os incendios que se produciron correspóndense neste ámbito territorial. Por esta razón, considerou que está máis que xustificada a proposta do BNG de que se inclúa no dispositivo a restitución destas brigadas helitransportadas.
A nacionalista defendeu impulsar unha política de prevención máis adecuada, e avogou pola necesidade de rematar coa súa fragmentación e coa progresiva derivación dos medios e das responsabilidades cara os concellos. Nós consideramos unha aberración volver ao sistema de brigadas municipais, recalcou.
É moi grave que nese afán partidista do PP, a distribución e despregue dos medios no territorio, no canto de ter en conta o índice ZAR (Zonas de alto risco) en función dos datos histórico e no risco ou e case a certeza de que nesas zonas vai haber incendios, utilizar criterios partidarios , tanto en relación coas empresas como cos concellos.