Pontón: A Xunta non protexe o galego, quere que desapareza
A deputada censurou as declaracións de Feijóo responsabilizando ás familias do retroceso no uso do galego
A parlamentaria do BNG, Ana Pontón formulou hoxe unha pregunta ao goberno en comisión relativa á situación do idioma galego e o cumprimento dos obxectivos do Plan de Normalización Lingüística.
A deputada criticou que o secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, aseverara que o idioma está mellor, descualificara a enquisa do IGI, achacara ao bipartito o retroceso actual da lingua galega e afirmara que o sistema educativo funciona de marabilla.
A nacionalista replicou que os datos reais son outros e puxo como exemplo que no ano 2008 o 14,3% dos estudantes afirmaban recibir todas as clases en galego fronte o ano 2013 que esta realidade caeu ao 2,15%, moi lonxe dos datos do 2003 do 8,32%. A deputada afirmou que estes datos que demostran, a perda de galegofalantes.
Neste sentido negou, como defende a Xunta que o retroceso no uso do idioma galego sexa un problema das familias,o verdadeiro problema, reiterou, é que a lingua galega segue discriminada desde o punto de vista legal e social e o agravante é que A Xunta de Galiza promove a desaparición do idioma, en todos os ámbitos.
Pontón censura as declaracións de Feijóo por culpabilizar ás familias
Sobre esta cuestión, reprobou as recentes declaracións de Núñez Feijóo afirmando que a Xunta está preservando o galego e o único que falta é que as familias sexan partícipes desta situación. Hai moitas nais e pais, replicou Pontón, preocupad@s porque o galego se manteña nos seus os seus fillos e fillas e que se atopan que ao entrar no sistema educativo saen falando castelán. Isto é un síntoma da decadencia e soberbia deste goberno e de como traizoa no noso país a nosa lingua.
A secretaría Xeral de Política Lingüística, insistiu Pontón, mira para outro lado e o Goberno do PP tirou o lixo o Plan de Normalización Lingüística. O seu Goberno, recalcou só quere manter a discriminación do galego.
Pola súa parte, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García non respondeu as catro preguntas formuladas pola nacionalista relativas á avaliación da Xunta sobre a situación da lingua galega, o cumprimento dos mandatos establecidas no marco legal vixente así como os obxectivos do Plan de Normalización da lingua galega. Nós, concluíu, entendemos, que vostede veña ao Parlamento a facer todo tipo de filigranas políticas e torturar os datos pero hai unha realidade aí fora da que vostede debe ser consciente.