Pontón critica o "modelo privatizador do PP" das infraestruturas galegas
A deputada contrapuxo os recortes do PP en prestacións sociais fronte a sensibilidade que mostra coas empresas concesionarias das autovías
A deputada do BNG, Ana Pontón puxo de manifesto que as familias con dificultades ao igual que os desempregados e persoas afectadas polos recortes ninguén os salva mentres as empresas concesionarias das autovías que teñen a obriga de asumir un risco empresarial son rescatadas polo Goberno galego cando existe ameaza de quebra. Ogallá tiveran vostedes a metade desa xenerosidade coas persoas que padecen as graves consecuencias das súas políticas e a crise económica.
A parlamentaria defendeu unha Proposición no de lei para non incrementar, nas negociacións, o canon ás concesionarias das autovías do Salnés e Barbanza.
O PP, submiso coas empresas concesionarias
Na súa intervención, cuestionou o proceso que cualificou de estafa e considerou que a Xunta mostra unha dobre vara de medir ademais de submisión ás empresas concesionarias.
Dende o BNG, dixo, opoñémonos ao proceso de negociación, paralizar o incremento do canon para as autovías do Salnés e Barbanza, remisión da documentación e que non sexan privatizadas a AG 53 e AG 54.
O modelo elixido polo Partido popular é un modelo fracasado
Pontón cualificou a xestión das autovías, por parte de empresa privadas, de modelo fracasado polo que reiterou abandonar o proceso privatizador das infraestruturas.
A deputada pediu, ante o inicio dunha nova etapa na consellería de Medio Ambiente e Infraestruturas, non cometer os mesmos erros. O grave do Partido popular, dixo, é que non recoñece que o modelo elixido representa un grande custe para as nosas arcas e que estes modelos, postos en marcha para beneficiar a certas empresas e negocios, seguen contando co apoio do Partido popular.
Un proceso feito ás costas do Parlamento para beneficiar a empresas e negocios
O proceso de incremento do canon fíxose de costas ao Parlamento e negando que se fora a producir, a pesar de habilitar nos propios orzamentos actuacións para habilitar o proceso de negociación coas concesións de obra pública, quen fai a lei fai a trampa, remarcou.
Neste sentido, engadiu que o Consello de Contas xa alertou dos síntomas que se estaban a ver nas concesións entre os que destacou: a falta de transparencia nas empresas, inviabilidade e elevada marxe de discrecionalidade.
Pola súa parte, o portavoz do PP, Alejandro Gómez afirmou que as autovías non están a ser rescatadas ao que a deputada respondeu que o propio ex-conselleiro Agustín Hernández e a actual conselleira Ethel Vázquez recoñecérono en sede parlamentar e os medios de comunicación non se volveron tolos cando deron conta desta información.