Pontón ao secretario de Cultura: Primeiro perseguiu o galego e agora asfixia a Cultura
A nacionalista acusou á Xunta de practicar a crónica do disparate por facer unha cousa e dicir a contraria
Tras a comparecencia do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, a petición propia para informar ao Parlamento do traballo desenvolto en materia cultural e próximas liñas de actuación previstas polo seu departamento, a deputada do BNG afirmou que, unha vez máis, segue contándonos milongas cando en realidade, o sector cultural galego está a vivir o seu peor momento.
Pontón acusou a Anxo Lorenzo de perseguir o idioma galego cando ocupaba a secretaría xeral de Política Lingüística e agora pretende facer o mesmo coa cultura galega.
A parlamentaria nacionalista amosou o seu malestar pola ausencia do Conselleiro de Cultura na presentación da memoria da Consellería facéndoo no seu lugar o secretario xeral. É unha falta de respecto que non estea aquí o conselleiro cando hai tres días tiña tempo para asistir a unha rolda de prensa de autopropaganda desta memoria,dixo.
Pontón asegurou que Anxo Lorenzo dilúe responsabilidades e tenta convencernos de que a Xunta está a facer un inxente labor a prol da cultura galega cando a realidade, temos un Goberno sen rumbo asfixiando e desmantelando todo o feito con anterioridade.
Neste sentido, aludiu a licitación de 3,4 millóns de euros en publicidade mentres as ordes de axudas culturais seguen sen ser convocadas e as destinadas ás industrias culturais, no último ano, non chegaban a un millón de euros.
A crise, unha escusa para seguir recortando en Cultura
O sector do libro ven de denunciar nun manifesto o proceso de desmantelamento acusando á Xunta dunha asfixia económica que leva á súa invisibilización, os fondos para bibliotecas foron recortados nun 65% pechando en Galiza, 45 bibliotecas públicas,o emprego cultural no ano 2012 caeu un 11,6% coa perda de 2.800 empregos, menos apoio para a distribución da rede galega de teatros e auditorios con menos da metade de funcións respecto do 2008, a música ao vivo pasou de 714 concertos a 166, isto é o que vostede entende por apoiar e difundir a cultura? preguntou.
Precariedade nos centros de produción propia reducindo os orzamentos nun 50% do Centro Coreográfico mentres seguen dilapidando recursos públicos na Cidade da Cultura, no ano 2013, a Xunta dedicou catro veces máis á actividade do Gaiás que na distribución por todo o país, engadiu.
Cidade da Cultura, cascarón baleiro
Para a deputada, a Cidade da Cultura non representa un centro de dinamización económico, turístico nin social, converteuse, afirmou, nun lastre cunhas cifras alonxadas das previsións do propio Goberno galego e dos grandes centros culturais.
Finalmente a deputada botou en falta algunha alusión as liñas de recuperación da memoria histórica e recriminou que nesta materia, o Partido popular iniciara o baleirado de referencias dos espazos como a Illa de San Simón.