Montse Prado reitera a petición de dimisión de Mato pola fraude dos cursos de fomación
O BNG volveu pedir no Parlamento o cese ou a dimisión da conselleira de Traballo, Beatriz Mato, pola trama da fraude da formación ocupacional que tiña en nómina a varios altos cargos deste departamento que, segundo recolle o sumario, ten demostrado nula actividade controladora ante os presuntos delitos de estafa, malversación de fondos públicos e falsidade documental, entre outros.
Ten que asumir as súas responsabilidades en lugar de vir aquí a burlase do Parlamento, demandou Prado, que cualificou de indecente que os recursos destinados á formación de desempregados e desempregadas fose para aos petos de amigos do PP precisamente no medio dunha crise económica que ten disparado a taxa de paro e provocado a emigración masiva da xente nova.
Prado criticou a falla de control e o incumprimento das obrigas legais dos responsables políticos, citando o contido do sumario, e demandou ao Goberno de Feijóo que remita a Cámara toda a documentación relacionada coa trama. Están amparando a xente corrupta e ese non é o camiño, subliñou a deputada do Bloque, tras advertir que o pobo galego xa non aguanta máis tanta corrupción e podremia, concluíu.