Montse Prado denuncia a campaña de POVISA para captar doentes da Seguridade Social
A deputada do BNG, Montse Prado cualificou a campaña de agresiva e intensa e de utilizar datos persoais de tarxetas sanitarias de persoas sen vinculación ao centro
A parlamentaria do BNG, Montse Prado formulou hoxe unha pregunta ao SERGAS na Comisión de Sanidade relativa á campaña de POVISA para fomentar a adscrición de doentes do sistema sanitario público.
Para a deputada, POVISA aproveita para captar novos doentes, a alarma polas múltiples deficiencias detectadas no novo Hospital de Vigo, un hospital, dixo, que non resolve os problemas da área sanitaria de Vigo e constata a política fracasada do Partido popular que nunca tivo a intención de sobredimensionala. O Partido popular non solucionou os problemas sanitarios de Vigo, o que fixo foi beneficiar a empresa privada.
Neste contexto, explicou, enmarcase o concerto do SERGAS con POVISA, un concerto por dez anos no que a empresa recibe máis de 75M, un centro sanitario con listas de espera triplicadas a respecto da rede pública, denuncias contra as condicións laborais e condenas incumpridas pola empresa, mentres o Goberno mantén unha postura de permisividade total.
No ano 2015 o SERGAS asina unha resolución para establecer a elección de centro hospitalario durante o mes de novembro, as persoas interesadas tras cubrir o impreso debían entregalo no hospital do CHUVI coa tarxeta sanitaria pero durante todo ese mes, a empresa POVISA levou a cabo unha campaña publicitaria para captar clientes, mesmo coa instalación de mesas para facilitar os tramites. Ademais publicou unha enquisa salientando a eficacia do centro e o gran número de persoas que o recomendaban. A propia empresa, a través dun comunicado afirmaba que traslada máis de 6.000 solicitudes de cambios.
Por outra parte, POVISA mostrou o seu malestar por non poder acceder a todos os centros sanitarios de Vigo para o cambio de doentes polo que a deputada preguntou se entre o SEGAS e POVISA existía un pacto que non se fixo público.
O SERGAS non se pronuncia sobre a campaña de POVISA
Pola súa parte o xerente do SERGAS, Antonio Fernández Campa afirmou que a resolución permite aos usuari@s elixir libremente o centro.
A parlamentaria replicou que 3.700 tarxetas novas en POVISA representan un 1.945.000 euros. Para a deputada existe pasividade e conivencia, ademais de permisividade do SERGAS con POVISA que utiliza prácticas abusivas para restar doentes á Sanidade Pública para o seu negocio.
Finalmente, a deputada preguntou se POVISA pode asumir 3.000 novas cartillas tras a continua redución de plantilla, a perdida de calidade asistencial denunciada en reiteradas ocasións e as sospeitas de que parte do concerto é utilizado pola empresa para atender a pacientes privados.
Fernández Campa eludiu responder ás cuestións formuladas pola deputada do BNG.