O modelo do PP é o do compromiso co negocio do ensino privado
A portavoz de educación do BNG, denunciou o avance de recortes no ensino público entre os que salientou o repago dos comedores escolares e a redución de medios materiais e humanos
O portavoz de educación do BNG, Cosme Pombo volveu denunciar hoxe, trala comparecencia do director xeral de Educación e Cultura en comisión parlamentaria, que o Partido popular avoga por un modelo de compromiso co negocio no ensino privado e concertado e o deterioro constante do ensino público.
Na súa intervención, Pombo considerou que a comparecencia do responsable da Xunta debería ter como obxectivo a defensa do ensino público sen embargo, dixo, unha vez máis constatamos que os orzamentos do 2013 ao igual que o pasado ano reflicten máis recortes e deterioro do ensino público en Galiza.
O PP avoga por un sistema educativo neoliberal
O nacionalista, indicou que o modelo educativo do Partido popular é neoliberal, elitista e clasista.
Neste sentido, manifestou que o PP liquidou todos os avances conseguidos antes do 2009 como a gratuidade dos libros de texto, extensión de comedores escolares, impulso á normalización lingüística, ampliación de cadro de persoal e melloras para o profesorado.
O parlamentario asegurou que a política educativa galega sostense nos orzamentos, a redución de 153 millóns de euros no ano 2013 e no 2009 un recorte do 32 por cento e 660 millóns de euros menos representan un novo ataque ao ensino público galego.
O PP emprega fondos públicos en centros que segregan ao alumnado
O PP pecha unidades educativas, engadiu pero apoia con fondos públicos centros que segregan ao alumnado incumprindo a propia LOE que establece que non pode existir ningún caso de discriminación ou educación sexista por razón de raza, sexo, relixión ou opinión.
O deputado fixo fincapé na sentenza do TSXG contra a segregación do alumnado nos centros de ensino polo que pediu que a Xunta recupere os tres millóns de euros (cada ano) destinados aos centros concertados e destine esa cantidade á mellora do ensino público.
Pombo tamén aludiu na súa intervención a unha denuncia contra o recorte para funcionamento en 123 centros de ensino nun 9% e en 21 centros en máis dun 20 por cento.
O parlamentario concluíu afirmando que o repago nos comedores escolares suporá a eliminación dun dereito do ensino sobre todo no medio rural, onde este servizo faise fundamental para poder estar escolarizado, o PP trala aprobación dos orzamentos volve anunciar novos recortes.