Jorquera: "Galiza é a Comunidade na que máis retrocede o crédito

O Deputado do BNG pediu ao Goberno un plan de medidas destinadas a reactivar o acceso do crédito en Galiza

O parlamentario do BNG, Francisco Jorquera formulou hoxe unha pregunta ao Goberno, na comisión de Economía sobre as previsión que manexa ante a evolución dos datos publicados polo Banco de España relativos ao volume de créditos e depósitos bancarios en Galiza, comunidade dixo, “na que máis retrocedeu”.

Jorquera lembrou que é a terceira vez que o BNG trata en comisión a evolución do aforro e a concesión de créditos, no mes de febreiro mesmo defendeu unha Proposición non de lei propoñendo que a Xunta presentara un “plan de medidas para impulsar a reactivación do crédito en Galiza” porque os propios datos do Banco de España confirman que “o aforro dos galegos e galegas estase expatriando”.

Volume de depósitos dos Bancos en Galiza

Os datos, dixo volven a ser peores e demostran que o volume de depósitos é superior ao crédito concedido, “marzo de 2014, 56.601 millóns de euros, marzo de 2015, 56.754,no mes de xuño 57.749 millóns de euros”, e dicir o volume de depósitos subiu de maneira constante mentres o de crédito volvía a retroceder, marzo de 2014, 47.591 euros, marzo de 2015, 44.204 e xuño do mesmo ano, 44.059.

No mes de decembro, engadiu, apuntamos unha diferenza de12.550 millóns de euros entre o crédito concedido e o volume de depósitos, “cantidade que emigra do noso país para fornecer de crédito a outros territorios.

Madrid multiplica por catro o crédito per cápita

Jorquera asegurou que o crédito per cápita concedido en Madrid multiplica xa “por catro o que se concede en Galiza” polo que volveu preguntar ao Goberno se considera un “éxito de xestión” que dende o ano 2009 “Galiza sexa a comunidade onde máis retrocedeu o crédito” e situado á cola do crédito per cápita.

O parlamentario achacou esta situación o proceso de reestruturación bancaria da que tanto “presume o Sr. Feijóo” e a falta de medidas que a Xunta non aplica para solucionar o problema.

Na quenda de réplica o nacionalista lembrou que o BNG propuxo transformar Novagalicia Banco nun Banco público galego pero seica esa iniciativa era pouco menos que “peado”. Ademais tamén propuxemos, dixo, crear un Instituto Galego de Crédito e investimento, “seica outra tolemia para o PP” mentres o estado de execución dos orzamentos da Xunta para o ano 2014 resultaba do 61% na consellería encargada de impulsar o crecemento económico e no capítulo de transferencias de capital apenas chegaba ao 52%,capítulo no que se recollen varias liñas de dinamización económica a través de subvencións aos diferentes axentes galegos, concluíu.