Jorquera advirte de que "a Xunta mantén oculto o contrato con PEMEX, malia que llo pediu o BNG"
O candidato do BNG á presidencia da Xunta de Galiza, Francisco Jorquera, criticou que o goberno de Feijoo mantén oculto o contrato que asinou con PEMEX, malia que o BNG o solicitou no Parlamento de Galiza.
Non sabemos -advertiu- que quere ocultar Feijoo dun contrato que, en todo caso, non será unha solución para a grave crise que atravesa o sector naval galego e, en concreto, o da ría de Ferrol.
Unha delegación do BNG, liderada por Francisco Jorquera, reuniuse esta mañá con representantes das industrias auxiliares do naval da comarca de Ferrolterra e con delegados sindicais, que lle transmitiron a súa preocupación polo futuro de miles de postos de traballo na comarca.
O PP ten responsabilidades na crise do sector naval
O candidato do BNG á presidencia da Xunta lembrou que o sector naval é o sostén da comarca de Ferrol e o seu futuro depende deste sector.
Porén, subliñou que a situación crítica do naval ten responsábeis, porque o PP comprometeuse a facer un dique flotante se gañaba as eleccións e está a incumprir este compromiso.
O señor Feijoo di que ou dique flotante ou carga de traballo, pero son necesarias as dúas cousas, porque o dique flotante é necesario para que haxa carga de traballo, afirmou.
Os traballadores dinlle a Jorquera que a súa situación é critica e que vai empeorar nos próximos meses
Ademais, Jorquera criticou que o presidente da SEPI dixo que había que levantar o veto, pero resulta que o goberno español non iniciou o procedemento para que se levante o veto sobre os estaleiros da ría de Ferrol.
Polo tanto -concluíu-, hai responsábeis, e é fundamental que se asume que o naval é un sector estratéxico e que a Xunta e o goberno central actúen en consecuencia e deixen de darlle as costas a esta comarca.
Feijoo mantén oculto o contrato con PEMEX
A preguntas dos xornalistas sobre se o contrato anunciado pola Xunta con PEMEX para construír uns remolcadores será unha solución para a crise do naval, Jorquera advertiu de que o BNG solicitou no Parlamento Galego que a Xunta de Galiza remitise ese contrato con PEMEX, pero aínda non o fixo, e non sabemos que queren ocultar.
Pola contra, o candidato do BNG defendeu que a solución pasa por dotar ao estaleiros de Ferrol dun dique flotante e que ese dique se constrúa no estaleiro de Fene para asegurarlle carga de traballo, e pasa por superar as limitacións impostas por Bruxelas. Polo tanto -incidiu-, o goberno central o que ten que esixir é a apertura de negociacións coa Unión Europea para o levantamento do veto.
Situación crítica para os traballadores
Francisco Jorquera alertou de que a situación do sector en Ferrol para os traballadores empeza a ser dramática, tento en conta que está habendo moitos despidos colectivos e que non hai perspectivas a curto prazo de que os estaleiros principais teñan carga de traballo, polo que nos próximos meses vai empeorar a situación.
Feijoo e o PP teñen responsabilidades: incumpriron a súa promesa de construír o dique flotante e non negocian con Bruxelas o levantamento do veto
Por iso, salientou a importancia de que haxa un cambio de rumbo absoluto na actitude que están tendo o goberno Central e a Xunta de Galiza para evitar que eta comarca entre nunha crise irreversíbel.
O BNG apoiará a manifestación deste domingo en defensa do naval
Por último, o candidato do BNG á presidencia da Xunta anunciou que asistirá este domingo á manifestación en Ferrol en defensa do sector naval e en demanda de carga de traballo.