GZ precisa forzas políticas cos pés e o corazón no país porque as solucións non van vir de fora

“Galiza precisa máis ca nunca unha forza política propia que presente unha estratexia centrada nos problemas dos galegos e das galegas como obxectivo prioritario, estratexia que non nos vai dar ningún gabinete da Universidade Complutense”.

O portavoz nacional, Xavier Vence, subliñaba así a aposta do BNG por conformar unha alternativa “forte” arredor dun proxecto nacionalista e transformador como alternativa “aos gobernos corruptos e centralistas” do PP.

Neste sentido, Vence puxo en valor o proceso de asembleas abertas posto en marcha polo Bloque por todo o país, para ampliar a base social do nacionalismo e sumar a todas as persoas e colectivos que queiran participar na elaboración do programa e das candidaturas aos comicios locais “cunha perspectiva de país”, unha apertura a toda a cidadanía que se explicita baixo a fórmula de BNG-Asambleas Abertas.

“Os problemas de Galiza só poden resolverse cunha alternativa política que teña os pés na terra e o corazón neste país”, recalcou Vence.

Igualmente a preguntas dos medios de comunicación, o dirixente nacionalista reclamou ao PP e ao PSOE que se teñen vontade real de acabar coa corrupción “poñan fora de circulación política aos corruptos forzando a dimisión dos imputados por casos de corrupción” e, sobre todo, que adopten medidas que acaben “coas fontes de corrupción como é a privatización de servizos públicos e esa maneira de contratar con nocturnidade e sen transparencia nin publicidade como fai a Xunta”.

“O resto e simplemente facer que se fai, unha simple actuación cara a galería”, concluíu.