Galiza solidaria coas persoas refuxiadas. Mobilízate!
As refuxiadas son obrigadas a abandonar os seus lugares fuxindo da guerra para sobrevivir aos conflitos e ás consecuencias que deixan ao seu paso. Detrás disto vemos a hipocrisía dos gobernos occidentais. Promoven guerras imperialistas e de saqueo que só provocan destrución e morte en países como Siria e, ao tempo, láianse da existencia de persoas refuxiadas, que foxen, en moitos casos, desas mesmas guerras que alimentou a cobiza de Occidente.
Porque falamos dunha Unión Europea culpábel? Porque non pon fin á guerra e ás intervencións militares, non muda as políticas de peche de fronteiras por medidas de axuda e solidariedade e co acordo don Turquía vulnera todos os acordos internacionais canto a dereitos humanos, ignorando o clamor político e social contrario. Esta non é, nin de lonxe, unha Europa de solidariedade, paz ou dereitos humanos. Por iso reclamamos a superación da Unión Europea, construída ao servizo das elites e poderes económicos e non dos pobos e as maiorías sociais. Situacións como as das persoas refuxiadas só poden ser solucionadas de raíz con outro marco. Fronte á Europa do neoliberalismo, da OTAN e de gobernos ao servizo das clases dominantes, hai que construír alternativas sociais e dos pobos, nas que os gobernos desenvolvan políticas en favor das maiorías sociais e fagan da solidariedade, o respecto e a cooperación os elementos substanciais da súa política internacional.
Chamamos ao pobo galego a mobilizarse en favor da solidariedade e manifestar o repudio ás actuacións das institucións e os gobernos europeos. Se hai vontade política, da que carece o PP, é posíbel tamén impulsar medidas desde os nosos ámbitos achegados. Por exemplo, xa en setembro o BNG instou á Xunta a elaborar un Plan de acollida de persoas refuxiadas dotado de orzamento e a establecer cos concellos liñas de colaboración para o acollemento. Tamén solicitamos a diversos concellos a retirada da bandeira europea como sinal de repulsa aos feitos e á lamentábel posición do Estado español. Ás galegas e galegos solidarios e antiimperialistas, non nos representan!
UNIÓN EUROPEA RESPONSÁBEL
NON Á GUERRA!
MOBILÍZATE.
O mércores 16 MOBILÍZATE contra as políticas da Unión Europea.
A CORUÑA (20H) no Obelisco
FERROL (20H) diante da sede da Xunta (Praza de España)
SANTIAGO DE COMPOSTELA (20H) na Praza do Toural
BURELA (20H), diante do concello
LUGO (20H), diante da Subdelegación do Goberno
OURENSE (19.30H), diante da Subdelegación do Goberno
VILAGARCÍA DE AROUSA (20H), na Praza de Galiza
VIGO (20H), diante do MARCO
PONTEVEDRA (20h), manifestación desde a Praza de Pontevedra até a Subdelegación do goberno.