O director da CRTVG defende á docente acusada de fomentar contidos sexistas nun curso do ente
A deputada do BNG, Montse Prado reprobou a elección da docente que utiliza na súa web estereotipos que degradan a muller e lamentou que o director xeral da CRTVG defendera a presenza de Teresa Baró no curso de formación para profesionais da comunicación
A deputada nacionalista preguntou, a través dunha iniciativa parlamentaria, se é adecuado o fomento do sexismo nun curso impartido pola CRTVG de formación baixo o titulo Linguaxe non verbal para comunicadores destinado a profesionais do ente.
Na súa intervención, Montse Prado explicou que a docente Teresa Baró publicou na súa páxina web expresións sexistas censurábeis e contrarias aos principios que deben rexer nos medios de comunicación pública.
É máis que evidente, dixo, que as habilidades de comunicación que recomenda a profesional, a tenor do publicado na súa páxina web, non facilitan a promoción activa da igualdade entre homes e mulleres e máis ben, contribúen a todo o contrario.
A deputada preguntou ao director Xeral da CRTVG se é adecuado o fomento do sexismo nun curso de formación para profesionais da comunicación e pola decisión da dirección do ente público ante a petición de retirar á devandita docente do curso Linguaxe non verbal para comunicadores.
Pronunciar as nádegas , sacar o peito e utilizar outros atractivos femininos acompañados de tentación, son algunhas das expresión recollidas na páxina web da docente, expresións dixo a nacionalista, que fomentan o machismo e a linguaxe sexista
Pola súa parte, Sánchez Izquierdo asegurou que Teresa Baró é unha grande profesional da comunicación non verbal e cun extenso currículo que avala a súa profesionalidade.
A deputada lamentou as explicacións do director xeral e lembrou que grandes fascistas e criminais en serie tamén contaban con un excelente currículo e recoñecido prestixio.
Nun medio de titularidade pública, non podemos tolerar que, despois de pedir o cese dunha docente que transmite contidos sexistas, a dirección da CRTVG sega xustificando a súa contratación nun curso de formación, sentenciou.
Unha vez detectado o proceder da docente, engadiu, a dirección do ente público tiña que rectificar e non xustificar a presenza de Baró no curso.
Se en troques de transmitir contidos sexistas fosen de tipo racista ou relixiosos, estou convencida que a dirección da CRTVG houbera tomado medidas sen dilación, concluíu a deputada do BNG.