Davila presenta unha proposición para que se suspendan os programas de armamento
Davila lembra que o pleno do Congreso debatiu o pasado 20 de setembro o Real Decreto mencionado, que finalmente se tramitará como proxecto de lei. O BNG votou en contra deste Decreto porque nun contexto de grave crise económica como o actual, no que se aplican duras medidas de recortes que afectan ás maiorías sociais, e cando están na corda frouxa a sanidade, a educación e os servizo público, é totalmente impensábel que se xustifique o aumento do orzamento destinado a Defensa.
Menos Estado de Benestar mentras se aumenta o orzamento a Defensa
A deputada do BNG subliña que Ministerios con importantes funcións para estimular a economía sofriron unha merma considerábel nas súas partidas. Co crédito que antes mencionamos e que o Goberno levou ao pleno a semana pasada, Defensa pasa a ser o único ministerio con maior orzamento para o 2012.
Para Davila é realmente difícil xustificar socialmente que na actual situación, cando cada vez parece máis claro que o Goberno español terá que peder un segundo resgate, se vaia incrementar o orzamento de Defensa. Resulta complicado entender que aos cidadáns se lles rebaixe constantemente o poder adquisitivo, que teñan que co-pagar as medicinas, pagar máis polas matrículas universitarias, que se cancele a Lei de Dependencia, que se recorte o Estado de Benestar de maneira salvaxe, mentras se sube o orzamento de Defensa.
A parlamentar nacionalista pón de manifesto que o BNG sempre propuxo que se aplicase a tesoura ao orzamento de Defensa, xunto coa eliminación de gastos supérfluos e a eliminación de estruturas administrativas caducas como as deputacións.