Davila pide a comparecencia de Rajoy e di que "hai razóns sobradas para recusalo"

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, defendeu na Deputación Permanente da Cámara a solicitude de comparecencia urxente do Presidente do Goberno, Mariano Rajoy, polas últimas novidades do coñecido como caso Bárcenas, que en realidade é o caso do financiamento ilegal do PP.

Unha comparecencia rexeitada polo PP.

Na súa intervención en defensa da comparecencia de Rajoy, Davila afirmou que a súa comparecencia do pasado 1 de agosto “non só non aclarou as dúbidas existentes, senón que os interrogantes se acrecentaron”. A deputada do BNG sinalou que “as novas coñecidas a posteriori da comparecencia do primeiro de agosto, e sobre todo, as declaracións de dirixentes do PP ante o xuiz Ruz, obrigan a Rajoy a comparecer de novo”.

“Razóns sobradas para recusar a Rajoy”

A parlamentar nacionalista aludiu en concreto ás “declaracións da Señora Cospedal quen identificou a Rajoy como o responsábel político do PP que acordou a situación financeira de Bárcenas, o seu finiquito e demáis”. Ademáis, Davila subliñou que o Presidente do Goberno tampouco aclarou e segue sen aclarar “a súa comunicación co ex tesoreiro do PP até días antes de ingresar no cárcere”.

As dúbidas, dixo, “mantéñense” e considerou que Rajoy segue a mintir e a enganar á cidadanía. “Hai razóns sobradas para recusar ao Presidente do Goberno español, e aprobar unha Comisión de Investigación sobre o financiamento ilegal do PP”.