Davila demanda a Tejerina que se implique na defensa na UE das artes de pesca artesanal galega
A deputada do BNG critica a proposta de Regulamento da UE que pretende prohibir sen distinción a pesca con redes á deriva. De seguir para adiante, esta prohibición suporá un duro revés para o sector pesqueiro galego artesanal, como o xeito, porque porá fin a artes ancestrais, sostíbeis e moi utilizadas na pesca de especies como a sardiña, e na pesca de río para a captura de lamprea no Miño.
Precisamente mañá vaise celebrar unha sesión da Comisión de Medio Ambiente no Parlamento europeo onde se van debater e votar as emendas e propostas ao informe .
Inxerencia da UE até en como pescar nos ríos galegos
Davila apela ao partido no Goberno a facer valer a diferenza das pequenas redes de enmalle do sector pesqueiro galego. Na actividade pesqueira en Galiza utilízanse artes de deriva como o trasmallo do Miño, a lampreeira, a muxileira, a varga da solla ou a varga do muxo, artes todas elas moi selectivas, destinadas á pesca de especies moi concretas e que se poderían enmarcar dentro da economía de subsitencia.
A deputada do BNG pón de manifesto que se trata de métodos de pesca respetuosos co medio ambiente mariño e que non teñen ningunha relación coas quilométricas redes que utilizan mariñeiros europeos. Así, menciona as enormes redes italianas coñecidas como ferrata que chegan a 2,5 quilómetros de lonxitude e é moi destrutiva.
Móvanse en Europa e defendan á pesca artesanal galega
Reprocha Davila a Tejerina que como sucedera co xeito e o racú, non informasen debidamente ás autoridades europeas da especificidade das artes de deriva galegas. Cuestiona a deixación do Goberno español xa que a UE está metendo no mesmo saco a todo tipo de artes de deriva. É obriga do Goberno transmitir con documentación a especificidade das artes galegas a fin de contrarrestar unha normativa uniformizadora. Ademáis, cuestiona que a UE teña que regular modelos de pesca de hai séculos e que forman parte da idiosincrasia de territorios costeiros de Galiza. Non se deberían tolerar inxerencias comunitarias deste tipo na soberanía dos territorios.
Para a deputada do BNG non é competencia da UE estabelecer incluso como pescar nos ríos galegos ou rematar con artes ancestrais no mar. Perante este golpe de mán da UE, fícanos claro, como sucedera co xeito e o racú, que nin a Xunta nin a Administración central se preocuparon de defender as artes de enmalle galegas. Por iso, tamén empraza a Tejerina manter unha xunta cos sectores da pesca artesanal a fin de documentarse debidamente para contrarrestar o Regulamento da UE, e defender con interese e implicación os intereses da pesca artesanal galega.