Cosme Pombo critica o "continuísmo" do novo conselleiro de Educación e Cultura
Para o deputado nacionalista, as novas liñas da consellería presentadas hoxe no Parlamento galego,prexudican gravemente os intereses culturais, educativos e lingüísticos do noso país
Tras a comparecencia do conselleiro de Educación e Cultura, Román Rodríguez, a petición propia, para informar das liñas de actuación do seu departamento, o deputado do BNG, Cosme Pombo dixo que seguían o camiño do continuísmo e lamentou non albiscar unha raioliña de luz e esperanza para a Cultura, a Ordenación Universitaria e o noso idioma.
Lamento tamén, non escoitar unha rectificación sobre a política lingüicida da Xunta que perpetúa a perda continuada de galego falantes como reflicten os últimos datos do Instituto Galego de Estatística (IGE). Non me sorprende,dixo a continuidade despois do debate dunha Iniciativa Lexislativa Popular que pretendía mellorar a calidade do ensino público e restituír os dereitos laborais do profesorado, ILP que o PP impediu que prosperara.
O PP di publicamente unha cousa para facer despois todo o contrario
O deputado tamén criticou as afirmacións do conselleiro sobre a defensa do ensino, cando en realidade, afirmou, votan en contra da ILP.Hoxe, tampouco escoitamos nada sobre unha nova lei de Educación ou defender os dereitos laborais, sociais e profesionais dos docentes.
Rouban o salario do profesorado mentres salvan á Banca, haberá moitos e variadísimos ordenadores pero non teremos profesores e profesoras, esa é a súa defensa do ensino público, enfatizou.
O nacionalista reprobou a redución dos orzamentos para o ensino e a ausencia dun plan propio de combate contra o fracaso escolar. Estamos en tempo de propaganda de novas tecnoloxías e plurilingüismo pero do profesorado, nada de nada, dixo
Modelo do PP para eliminar a Universidade pública
Sobre a reforma universitaria, Pombo asegurou que que o PP non respecta a autonomía nin o sistema universitario. O gran Ministro Wert, do que vostedes son grandes admiradores pretende deteriorar a Universidade Pública Galega e poñela en perigo despois de 500 anos .
Neste sentido, lembrou o decreto de 3+2 que provoca o encarecemento da formación universitaria e a expulsión do alumnado con menos recursos coa intención de beneficiar ás universidades privadas, porque, dixo, o modelo Wert só busca que estuden os ricos.
Pombo tamén denunciou a denegación de máis de 10.000 bolsas, que repercutirá moi negativamente nas familias con poucos recursos e sen que polo momento, o Goberno galego fixera un anunciou como noutras comunidades para pedir a transferencia das bolsas e adaptalas a Galiza.
Finalmente, o parlamentario referiuse a LOMCE que invade competencias autonómicas como denunciaron en Euskadi e Cataluña. Van presentar vostedes un recurso de inconstitucionalidade como fixeron nesas comunicades, preguntou ao novo conselleiro
O deputado concluíu a súa intervención denunciando os constantes anuncios do PP sobre novos centros educativos que despois non se fan e preguntando pola readmisión dos expulsados do CELGA e derrogación do decreto do plurilinguismo.