O conselleiro de Industria "minte" sobre os avances contra a crise no Sector naval
Carme Adán interpela ao Conselleiro de Industria e nega que o Goberno defenda o dique flotante
A nacionalista acusou a Francisco Conde de mentir sobre os avances contra a crise no Sector Naval
A portavoz de Industria do BNG interpelou hoxe ao Goberno galego sobre as medidas previstas pola Xunta para combater a crise do sector naval galego.
Na súa intervención, Adán negou os anuncios da Xunta sobre a carga de traballo nos estaleiros galegos prevista para antes do verán e o compromiso co dique flotante na ría de Ferrol tamén prevista para antes do verán do 2012.
Neste sentido, dixo que o conselleiro de Industria non ten autoridade para consolidar nada porque na realidade o único que hai son gradas baleiras, nada dos floteis, nin chapa, nin materias, o único que se sabe con seguridade son os meses de retraso.
Os traballadores de Navantia temen estar ante a última reconversión e o peche definitivo, esa é a sensación que teñen e dende onte moito máis aseverou a deputada.
O PP goberna a golpe de titulares e foto
Carme Adán retou ao titular de Industria a cumprir as promesas da Xunta e abandonar un modelo de Goberno a golpe de titulares, Núñez Feijoo onte buscaba a foto pero a realidade do Sector Naval é que vostedes non desbloquearon o tax lease nin o veto contra Astano e non teñen escrúpulo algún para traficar cos sentimentos e a esperanza da xente que confiaba nas súas promesas.
O Partido popular segue xogando ao engano e a demostración máis palpable é que onte mesmo, os deputados e deputadas populares no Congreso non quixeron votar a favor da construción do dique flotantes.
A parlamentaria tamén se referiu a emenda transaccionada entre PP e PSdG no debate dos orzamentos para destinar 5 millóns de euros , agardamos, dixo, que sirva para algo xa que rexeitaron a nosa petición de incrementar esa contía en 25 millóns de euros e non poñan a Unión Europea como desculpa para eliminar o sector naval galego.
Adán concluíu a súa intervención lembrando a Evo Morales e unha conversa na que o líder boliviano lle transmitiu que o peor de gobernar é defraudar aos teus, o PP, dixo, tamén defraudou a moitos galegos e galegas coa súa actuación a respecto da crise do sector naval.