Os concellos do BNG apoian as medidas contra a suba do canon de SOGAMA, un proxecto fracasado
Esta nova medida tan gravosa para as economías, tanto da cidadanía como dos propios concellos -xa moi minguadas pola xeira de recortes que os gobernos do PP están a aplicar-, vén de provocar unha resposta conxunta de moitos concellos galegos. Para alén da denuncia do incremento do canon, cómpre aproveitarmos esta ocasión para continuar a lle trasladar á sociedade galega a nosa oposición ao modelo SOGAMA e exixir do PP unha modificación radical das súas políticas antiambientais, a comezar por eliminar a previsión de construír un nova incineradora de residuos urbanos para rematar no apoio de alternativas comarcais baseadas na reciclaxe e compostaxe.
Nunha xuntanza mantida o pasado luns 18 de novembro, as persoas representantes da maioría dos concellos do país, decidiron unha serie de medidas para tentar que a Xunta dea marcha atrás nesta decisión. O primeiro que acordaron foi pedir a dimisión do presidente de Sogama, logo das duras declaracións deste contra os concellos galegos.
Decidiuse tamén na reunión dirixirse á FEGAMP para solicitar a través dela unha reunión co presidente da Xunta de Galiza antes de que remate este mes, para procurar unha saída dialogada ao conflito. Tamén se aprobou realizar un peche en San Caetano se Feijóo non quere reunirse ou se non ofrece unha alternativa a esta situación. De non se produciren repostas nos prazos previstos, os concellos decidiron deixar de pagar o canon de SOGAMA a partir do 1 de xaneiro.