CAS- INTERNACIONAL pide que o Parlamento vote a favor da inciativa do BNG para abolir as touradas
A deputada nacionalista, Ana Pontón defenderá a vindeira semana modificar a lei de protección de animais e erradicar as touradas en Galiza
O director de Cas-Internacional, Marius Kolff remite unha carta aos grupos parlamentarios solicitando o apoio á Proposición de lei do BNG contra os festexos taurinos.
Os deputad@s do BNG-AGE-PsdeG, Ana Pontón, Ramón Vázquez e Patricia Vilán compareceron hoxe ante os medios de comunicación acompañados do director da entidade antitaurina, Cas-Internacional, Marius Kolff.
Ante o debate parlamentario da proposición de lei do BNG, a vindeira semana, para a modificar a lei de protección de animais domésticos e salvaxes en cautividade e co fin de erradicar as touradas, o director de Cas-Internacional, Marius Kolff anunciou que a entidade antitaurina remitiu unha carta a todos os grupos con representación parlamentaria solicitando o apoio á iniciativa nacionalista.
Kolff explicou que a entidade que representante naceu co espírito de convencer á cidadanía holandesa a non participar nas festas taurinas contando na actualidade co aval de máis de 56 organizacións en todo o mundo e avalada por setenta millóns de socios e simpatizantes.
Na carta enviada aos deputad@s, Cas-Internacinal pide que Galiza se converta nunha comunidade moderna e responsable e voten a favor da iniciativa do BNG para que os animais teñan un mellor trato.
Os tempos modernos requiren lexislación actualizada e todos e todas sabemos que os animais son seres sentintes que poden sufrir como os seres humanos, afirmou Kolff.
Asemade, engadiu que a iniciativa nacionalista vai no camiño de abolir as corridas de touros como piden ao redor de 70 millóns de socios e simpatizantes de Cas-Internacional.
Pola súa parte, Rubén Pérez Sueiras, representante da Asociación Animalista LIBERA, afirmou que as enquisas en Galiza revelan que o 85% da poboación maniféstanse en contra das touradas así como a utilización de fondos públicos nestes eventos festivos.