O BNG volve a reclamar a gratuidade da AP-9 e o PP vota en contra
Ana Pontón censurou que o Partido popular defenda as peaxes e subas abusivas nas autoestradas galegas
Pleno.-A deputada Ana Pontón defendeu hoxe unha Proposición non de lei contra as peaxes das autoestradas de Galiza e a recuperación da titularidade pública da AP-9.
Pontón cualificou de delirante a defensa do portavoz do PP, Alejandro Gómez Alonso sobre as abusivas peaxes galegas, as máis caras do Estado e que afectan a miles de persoas, vostede, non sufre o incremento das peaxes nin o padece en carne propia, dixo a nacionalista.
Dende o BNG, manifestou , consideramos un negocio ruinoso e unha estafa a Galiza o proceso de privatización da AP-9 que se deu cun goberno do Partido popular presidido polo Gran Aznar ao fronte. Por iso reclamamos a revisión de oficio dese contrato que vai en contra do interese público.
A deputada denunciou o sometemento do Goberno galego a grandes empresas e contra o interese xeral, este Goberno, afirmou é irrelevante porque non se implica nin soluciona os problemas, traizoan vostedes os intereses do noso País, recalcou.
Pregúntenlle aos galegos e galegas se están de acordo coas peaxes e se lles parece ben ter unha das autoestradas máis caras do Estado. E pregúntenlle tamén, que opinan sobre a privatización e sobre o pago de 3.000 millóns de euros a unha empresa foránea coa concesión dunha autovía ou autoestrada construída con fundos públicos.
A proposición non de lei defendida pola deputada do BNG foi rexeitada polo Partido popular.