O BNG rexeita os recortes nas contas da CRTVG e reclama respecto para o pluralismo político
A deputada do BNG, Montse Prado rexeita os orzamentos da CRTVG por responder a un exclusivo compromiso de gastos e non ao compromiso real con Galiza
A parlamentaria acusou hoxe á dirección da CRTVG de poñer a Televisión galega ao servizo do Goberno e do Partido Popular e non respectar o pluralismo político representado na Cámara galega.
Trala comparecencia do Director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo na Comisión de Economía na presentación dos orzamentos do 2013, a deputada asegurou que responden a un compromiso de gastos e non a un compromiso real coa cultura e lingua galega nin co pluralismo político.
Na súa interpelación a Sánchez Izquierdo, a parlamentaria salientou o importante papel da CRTVG como medio de comunicación de titularidade público cunha información veraz, plural e obxectiva e reclamou o dereito de medios de comunicación públicos en galego como instrumentos de impulso e proxección da cultura e lingua galega.
Os recortes na CRTVG tentan xustificar unha posible privatización
Para a deputada do BNG, os orzamentos da CRTVG son continuistas, inciden en máis recortes e utilizan a crise económica como escusa para xustificar a súa posterior privatización.
Neste sentido, preguntou se a CRTVG correrá a mesma sorte das televisións públicas de Madrid e Valencia incursas en procesos privatizadores, porque ao seu xuízo, a aplicación dun novo recorte do 7% da Xunta de Galiza sumado ao da anterior lexislatura, ( cun total de 34 millóns de euros), provocará recortes do servizo, máis recortes no emprego directo da CRTVG e restará apoio ao sector audiovisual.
Para a deputada, os orzamentos da CRTVG constitúen un factor máis de recesión en Galiza e o deterioro evidente dun servizo público que dende o BNG, dixo, xa cualificamos de máquina de propaganda do Goberno galego e do Partido popular.
Prado denunciou as presións, por parte das direccións da Radio e Televisión galega, sobre os traballadores e o incumprimento da Lei de creación da Compañía, a hora de defender a cultura e a lingua galega.