O BNG reproba que a Xunta vulnere a Lei para atacar a lingua galega
Ana Pontón lamenta a cruzada contra o galego iniciada polo Partido popular
A portavoz de Política Lingüística do BNG, Ana Pontón acusa ao Goberno galego de desacato á lei por non cumprir á sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que anulou o artigo 5.2 do Decreto do Plurilingüísmo referido á realización da enquisa destinada a determinar a lingua na Educación infantil.
A deputada afirma que a sentenza constata que a enquisa ademais de ser ilegal, foi un arma utilizada polo Partido popular para varrer a presenza do galego no ámbito da Educación infantil.
Pontón explica que, tras tres anos da aplicación do Decreto o seu resultado reflicte que nas áreas urbanas a presenza do galego no tramo da Educación infantil ficou varrido e na marxinalidade cun 5 por cento.
Ademais, a deputada asegura que a enquisa carece de rigor científico e pedagóxico e foi remitida iniciado xa o proceso de matriculación polo que, ao seu xuízo, resulta unha auténtica chapuza e carente de credibilidade.
A nacionalista esixe que a Xunta acate a sentenza e remate cos ataques ao idioma galego. Dende o BNG, engadiu, esiximos a rectificación dunha política que só conduce a que nenos e nenas que conclúen a etapa educativa non conten con plenas competencias lingüísticas en galego.
Finalmente, a parlamentaria do BNG reclamou que a Xunta retire a enquisa e abandone a súa política belixerante contra o idioma galego.