O BNG reproba a “misoxinia e homofobia” do profesor universitario Neira García

Carme Adán e Cosme Pombo levan ao Parlamento a denuncia de alumnos e alumnas contra o  docente da USC por “apoloxía da homofobia”

Expresións como: “A homosexualidade é contaxiosa, os homosexuais carecen de hombria para educar, desviacións condutuais, sodomía, violacións e corrupción de menores comparadas coas vodas gay”, son algunhas das manifestacións do profesor universitario Domingo Neira García nas súas clases.

Os nacionalistas trasladan á Cámara galega, a través de diversas iniciativas parlamentarias, a denuncia formulada polos propios estudantes contra a práctica docente de Neira García baseada na lectura obrigatoria dun texto da súa autoría baixo o titulo “Didáctica para el Crecimiento Socio-personal.

O pretenso manual, asegura o alumnado, recolle reflexións irracionais e despectivas que nada teñen a ver cos contido formais da materia aprobados e verificados pola propia Universidade.

No texto, Domingo Neira García identifica a homosexualidade coa pederastia e mostrase contrario a permitir que unha parella do mesmo sexo acceda á adopción ante o perigo de “pasarlle o seu mal aos fillos”.

O BNG considera que a situación xerada por Neira García constitúe “unha vulneración das liberdades e dereitos das persoas” polo que esixirá, en sede parlamentar, unha resposta contundente do Goberno galego contra este tipo de prácticas.

Os nacionalistas, Carme Adán e Cosme Pombo, ambos docentes, agardan unha resposta da Consellería de Educación de repulsa ás manifestacións homofobas do profesor Neira e confían que nas aulas universitarias galegas non se produzan no futuro situacións semellantes porque a formación do alumnado, afirman “debe basearse no respecto ás persoas e aos seus dereitos” e non fomentando actitudes discriminatorias