O BNG reclama no Parlamento medidas efectivas contra as sancións aos emigrantes retornados
Tereixa Paz volveu denunciar o descoñecemento da obriga a declarar das persoas sancionadas e pediu a paralización de todos os expedientes
A deputada do BNG, Tereixa Paz reclamou hoxe ao Goberno galego a paralización dos expedientes sancionadores a emigrantes retornados, a través dunha Proposición non de lei debatida na Comisión de Economía que o Partido popular rexeitou.
Para a nacionalista, a situación da que son vítimas o colectivo de emigrantes retornados, resulta insostible, inxusta e ilexítima. Xa pasou o momento, manifestou Tereixa Paz, das declaracións vacuas, de amosar unha falsa comprensión e solidariedade, deixando que as cousas fiquen sen resolver. Agora, é o momento de actuar decididamente ante o Goberno do Estado e poñer fin definitivamente a esta dramática situación.
Tamén pasou o momento de enviarlle cartas ao Ministro, hai que pasar a exercer toda a presión política para que se deixe de tratar aos retornados como defraudadores, xa non queremos máis palabras baleiras, o colectivo de retornados/as esixe feitos concretos.
Non son defraudador@s
Non vale que digamos que non son defraudadores se logo os tratamos como tal. Se o PP afirma que non o son, que actúe en consecuencia. Se non son defraudadores haberá que paralizar de oficio todos os expedientes, devolverlles os cartos das sancións ademais dos xuros impostos inxustamente.
A deputada do BNG lembrou que existen sentenzas e resolucións da propia Axencia Tributaria recoñecendo a falta de información destas persoas a declarar as cantidades reclamadas. A Axencia Tributaria recoñece nunha resolución "que se trata dunha normativa escura e de confusa interpretación".
Tereixa Paz lamentou que o Goberno galego mire para outro lado nun asunto que afecta a miles de familias galegas, cada día que pasa son máis porque a campaña de requirimentos non parou senón que se está a intensificar.